INVESTIGACIÓN

Influencia das eclipses solares no comportamento do gando vacún

Influencia das eclipses solares no comportamento do gando vacún
A eclipse solar que se poderá contemplar en Galicia ofrece unha oportunidade única para estudar a conduta do gando vacún ante cambios repentinos de luz e temperatura. Aínda que o escurecemento pode levar as vacas a interromper brevemente o pastoreo ou agruparse ao confundilo co anoitecer, a ciencia demostra que se trata de unha reacción pasaxeira e inofensiva que non afecta á súa saúde nin á súa produtividade.
Jesús Cantalapiedra Álvarez1, José Hernández Malagón2, Mercedes Camiña García2 

1Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia
2Facultade de Veterinaria, Universidade de Santiago de Compostela (USC) 

Introdución

O vindeiro día 12 de agosto poderase contemplar en Galicia un dos fenómenos astronómicos máis espectaculares, abraiantes e estraños que ocorren na natureza: unha eclipse solar. As eclipses solares aparecen cando a lúa se interpón entre a terra e o sol e prodúcese unha diminución da luz e un lixeiro descenso da temperatura ambiental que modifican temporalmente as condicións do medio dos animais. No gando vacún, estes cambios poden influír na conduta dos animais sen provocar consecuencias permanentes ou a longo prazo. Aínda que a investigación específica sobre o gando bovino é limitada, xa que a maior parte destes estudos se centraron principalmente nos animais de zoolóxico e invertebrados, as observacións realizadas durante distintas eclipses permiten comprender mellor a relación entre os ritmos biolóxicos dos bovinos e os estímulos ambientais que reciben. Daquela, as eclipses solares representan tamén unha oportunidade única para estudar a resposta dos seres vivos ante os cambios ambientais repentinos.

Conduta do gando bovino durante unha eclipse

As vacas son animais de hábitos e costumes fixos e que organizan boa parte das súas actividades diarias seguindo sinais naturais coma a luz solar. Estas actividades están moi influenciadas polos seus ritmos circadianos que se consideran coma o reloxo interno que regula os horarios de sono, descanso, alimentación e muxidura. Durante unha eclipse total, algúns animais interrompen o pastoreo, diminúen a súa actividade locomotora, buscan o resto do rabaño ou diríxense cara a zonas de descanso. Estas respostas son similares e lembran ás que aparecen ao anoitecer, xa que o cerebro interpreta o escurecemento coma unha transición temporal cara á noite. Non obstante, unha vez recuperada a iluminación, os animais volven ao seu comportamento habitual en poucos minutos. Non obstante, non todos os individuos reaccionan igual ante este fenómeno, xa que a idade, o temperamento, a experiencia previa ou o sistema de manexo que se estableza na granxa poden influír na intensidade desa resposta. En explotacións extensivas, por exemplo, adoita apreciarse con maior claridade o agrupamento do rebaño, mentres que no gando estabulado e en condicións máis intensivas, os cambios poden pasar practicamente desapercibidos.


As eclipses solares non representan unha ameaza para a saúde nin para a produtividade do gando vacún, aínda que si ofrecen unha excelente oportunidade para afondar no estudo da etoloxía e dos mecanismos de adaptación dos animais domésticos

Aspectos fisiolóxicos e produtivos

A redución da radiación solar pode provocar un lixeiro descenso da temperatura ambiente e modifica de forma pasaxeira a secreción de melatonina ou o cortisol, hormonas relacionadas cos ritmos circadianos e o estrés. Aínda así, a duración da eclipse é demasiado breve para orixinar alteracións importantes na fisioloxía do gando. Os estudos dispoñibles non demostraron efectos negativos sobre a frecuencia cardíaca, o metabolismo ou o benestar de animais sans máis alá dunha resposta puntual de alerta.

Dende o punto de vista produtivo, non existen probas de que un eclipse reduza de xeito significativo a produción de leite, a ganancia de peso ou a fertilidade. Algunhas vacas poden deixar de comer durante uns minutos, pero posteriormente recuperan o tempo de pastoreo, compensando esa interrupción. Por iso, o impacto económico do fenómeno se considera insignificante.

Que manexo dos animais se recomenda durante a eclipse

Os especialistas en comportamento animal coinciden en que non cómpre aplicar medidas extraordinarias nestes eventos. O máis axeitado é manter as rutinas habituais de alimentación e manexo, evitando os desprazamentos innecesarios do rabaño durante a eclipse e asegurándose de que os animais dispoñan de suficiente auga, sombra ou refuxio. Tamén resulta interesante rexistrar as reaccións observadas, xa que estes fenómenos ofrecen información útil para futuras investigacións sobre comportamento animal e fomentan o noso coñecemento sobre o gando.

Valor científico e conclusión

Máis ca un risco para a gandería, unha eclipse solar constitúe un experimento natural que permite analizar como responden os bovinos a cambios repentinos do seu espazo. A evidencia científica dispoñible amosa que as modificacións condutuais son breves, reversibles e relacionadas principalmente coa diminución da luminosidade. En consecuencia, as eclipses solares non representan unha ameaza para a saúde nin para a produtividade do gando vacún, aínda que sí ofrecen unha excelente oportunidade para afondar no estudo da etoloxía e dos mecanismos de adaptación dos animais domésticos.

Podemos concluír que, xa que non se agarda outra eclipse solar en bastantes anos e que a comunidade galega será unha das zonas privilexiadas para a súa observación, nos animemos a contemplala co maior interese e vivamos esta experiencia tan pouco habitual.