Gandeiros de Lugo sairán á rúa o 4 de novembro para esixir un prezo mínimo que cubra os custos de produción

Os gandeiros de Lugo sairán á rúa o xoves 4 de novembro para reclamar unha subida do prezo do leite en orixe que compense o "incremento desmesurado" dos custos de produción que están a sufrir as explotacións, como consecuencia da suba do prezo da luz, o gasóleo e os pensos.

A protesta, convocada pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, arrincará ás 12:00 horas diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo e transcorrerá polas rúas da cidade ata finalizar na Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá. Estarán acompañados por unha caravana de tractores, que permanecerán estacionados todo o día na Ronda da Muralla. Ademais, os gandeiros lerán un manifesto coas súas demandas diante de cada edificio, que logo presentarán por rexistro en ambas as institucións, con reivindicacións dirixidas tanto á Consellería de Medio Rural, como ao Ministerio de Agricultura.

Desde o colectivo esixen ás Administracións públicas, tanto Xunta de Galicia como Goberno Central, "medidas urxentes que eviten o peche en cadea das explotacións ante a situación insustentable que viven os produtores de leite a consecuencia da subida desmesurada dos custos de produción". Engaden que este ano, desde o mes de xaneiro, "o que nos custa producir disparouse coas subidas no prezo da luz e o gasóleo, ademais do incremento que se está a dar nos pensos e as materias primas, pero o que nos pagan polo leite non se moveu e non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos a perder diñeiro todos os meses", afirma o presidente de Agromuralla, José Luís Pérez Barreiro. Conclúe que "se non se adoptan medidas inmediatas, nos próximos meses haberá un peche en cadea das 7.000 explotacións que seguimos producindo leite en Galicia, porque non seremos capaces de aguantar durante máis tempo esta situación".