Gandeiros de Castela súmanse ás mobilizacións do sur

Imaxe de arquivo. Marcha Blanca do 2015 á súa chegada a Madrid

Gandeiros de Castela anuncian próximas mobilizacións e protestas ante establecementos de distribución que vendan leite a baixos prezos, sen cumprir coa Lei da Cadea Alimentaria, e ante as administracións competentes.

A través dun comunicado, anuncian que se ven obrigados a tomar as rendas desta situación polos baixos prezos pagados en orixe, as subidas constantes dos custos de produción e ante o inmobilismo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por facer cumprir a súa propia Lei da Cadea Alimentaria, que "establece uns custos medios de produción e que non se pode vender leite por baixo dos custos da cadea".

Engaden que "o leite se segue utilizando como produto reclamo e que se segue devaluando así o noso produto e o noso traballo, tendo que asinar coa industria uns contratos por baixo dos custos de produción, moitas veces sen posibilidades de negociación".

Durante as manifestacións anunciadas repartiranlles información aos consumidores sobre a situación e enviarán cartas reivindicativas a diferentes asociacións representativas da distribución, así como un comunicado directo ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación reclamando "o cumprimento da Lei antes de que sexa demasiado tarde e desaparezan máis ganderías".