Galicia prorroga ata finais de agosto as medidas preventivas fronte á dermatose nodular contagiosa

Galicia prorroga ata finais de agosto as medidas preventivas fronte á dermatose nodular contagiosa

A Xunta de Galicia manterá durante todo o mes de agosto as medidas preventivas fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC). A resolución, publicada pola Consellería do Medio Rural no Diario Oficial de Galicia, estará vixente entre o 1 e o 31 de agosto e poderá volver prorrogarse.

Entre as principais medidas, continuarán permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, aínda que unicamente poderán participar animais procedentes de explotacións galegas. Os vehículos procedentes de fóra da comunidade deberán acceder baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.

Tamén se mantén un período de vixilancia veterinaria oficial de 28 días para os bovinos destinados a vida que cheguen a Galicia desde outras comunidades ou desde o estranxeiro. Durante ese tempo quedarán inmobilizados cautelarmente tanto os animais incorporados como o resto de bovinos presentes na explotación. Ademais, será obrigatoria a desinsectación de todos os animais da granxa receptora e dos vehículos que entren en Galicia para transportar gando.

A Xunta lembra que actualmente non existe constancia de ningún caso de DNC en Galicia e recalca que esta enfermidade vírica non se transmite ás persoas. Medio Rural reclama, ademais, ao Ministerio de Agricultura unha maior coordinación entre comunidades autónomas e que impulse na UE a dispoñibilidade dunha vacina preventiva marcada.