A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución pola que se prorrogan as medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), enfermidade que afecta o gando bovino. A medida estará en vigor desde o 1 ata o 31 de xullo, ambos incluídos, aínda que poderá ampliarse en función da evolución epidemiolóxica.
Desde a Xunta explican que a análise do risco sanitario, realizada de maneira permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter polo momento as medidas cautelares establecidas en Galicia para seguir protexendo a cabana bovina.
Con esta resolución, continuarán permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con fins comerciais, pero unicamente con animais procedentes de granxas galegas. Os vehículos chegados de fóra da comunidade deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados. No caso de concursos, certames, poxas e exhibicións extraordinarias, seguirá sendo necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Vixilancia veterinaria de 28 días
Tamén se mantén o período de vixilancia veterinaria oficial de 28 días para os bovinos procedentes de ganderías situadas fóra de Galicia desde a súa incorporación á granxa de destino. Durante ese prazo, todos os animais das explotacións que incorporen bovinos doutras partes de España ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de forma cautelar.
A Xunta lembra ademais que seguirá sendo obrigatoria a desinsectación dos bovinos presentes na granxa receptora e dos vehículos de transporte de gando que entren en Galicia, tanto para vida como para sacrificio. Neste último caso, permítese a entrada sempre que os animais sexan trasladados directamente ao matadoiro.
Medio Rural reitera unha mensaxe de tranquilidade ao sector e á cidadanía, xa que non existe constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e a DNC non se transmite ás persoas. Os últimos casos detectados oficialmente producíronse en marzo en Aragón.