Fin á VII Escola de Futuros Gandeiros de Fefriga

Fin á VII Escola de Futuros Gandeiros de Fefriga

Este mediodía púxose punto e final á sétima edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros —a segunda celebrada este verán—, unha actividade impulsada pola Federación Frisona Galega (Fefriga) en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros e co apoio de CLUN e da Deputación de Pontevedra.

Durante unha semana de intensa actividade na finca Mouriscade, en Lalín (Pontevedra), unha vintena de mozos e mozas de entre 8 e 25 anos achegáronse ao mundo gandeiro combinando teoría e práctica. Aprenderon sobre manexo de animais, preparación para concursos, alimentación, xenética e benestar animal, sempre acompañados por profesionais do sector e co obxectivo de impulsar o relevo xeracional e espertar o interese da mocidade por este ámbito.