Figan 2027 abre a convocatoria dos seus premios á innovación e á excelencia gandeira

Figan 2027 abre a convocatoria dos seus premios á innovación e á excelencia gandeira

A Feira Internacional para a Produción Animal (Figan) abriu a convocatoria do seu Concurso de Innovacións e de Melloras Tecnolóxicas e da sexta edición do Premio Excelencia, cos que busca recoñecer os avances e o bo facer de empresas e profesionais do sector pecuario. O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o próximo 27 de novembro de 2026.

O Concurso de Innovacións e de Melloras Tecnolóxicas está dirixido ás empresas expositoras que apostan pola I+D+i e distingue produtos e servizos que achegan novidades ou avances significativos ao sector. Un xurado independente valorará aspectos como a súa aplicabilidade práctica, a mellora do rendemento, a seguridade, a saúde e o benestar animal, a bioseguridade, a eficiencia enerxética ou o impacto ambiental. Os desenvolvementos premiados ocuparán un espazo destacado na Galería da Innovación Tecnolóxica de Figan 2027 e recibirán o seu recoñecemento durante unha gala oficial.

Pola súa parte, o Premio Excelencia celebra a súa sexta edición para distinguir empresas gandeiras cun nivel sobresaínte no desenvolvemento da súa actividade. Entre os criterios de valoración atópanse a calidade das instalacións, os sistemas produtivos, a xestión técnico-económica, a trazabilidade, a sustentabilidade, a xestión ambiental e as medidas destinadas a garantir a saúde e o benestar animal.

O fallo do Concurso de Innovacións e de Melloras Tecnolóxicas producirase o 14 de xaneiro de 2027 e farase público o día 29 dese mesmo mes. A entrega dos recoñecementos terá lugar durante Figan 2027, que celebrará a súa décimo oitava edición do 16 ao 19 de marzo en Zaragoza e conta xa con 520 marcas expositoras inscritas.