A Federación Frisona Galega (Fefriga) e a cooperativa rural galega Clun veñen de asinar un convenio de colaboración co que renovan, por terceiro ano consecutivo, a súa aposta conxunta polo futuro da gandaría galega. Os presidentes de ambas as entidades, Manuel Sandamil e José Ángel Blanco Purriños, respectivamente, foron os encargados de asinar o acordo.
No documento, Clun comprométese a apoiar as "Escolas de Iniciación de Futur@s Gandeir@s", organizadas polo Club de Mozos Gandeiros de Galicia, integrado en Fefriga. A actividade, que consiste nun campamento de verán de convivencia desenvolvido na Finca Mouriscade (Lalín), está dirixida a persoas mozas de entre 9 e 25 anos. A edición deste ano é a oitava e desenvolverase do 20 ao 24 de xullo.
O currículo destas escolas comprende coñecementos prácticos esenciais para o manexo e o coidado do gando, cos que se busca espertar vocacións e asentar as bases de potenciais futuros profesionais do sector. Ao mesmo tempo, as persoas participantes estarán presentes nos concursos de manexo que se desenvolven en diferentes feiras gandeiras ao longo de todo o ano.
Desde 2018, realizáronse máis de 160 matrículas no marco do campamento. O prazo de solicitudes para a inscrición na convocatoria actual, que conta coa novidade da venda de dous packs de material específico a prezo reducido, pechou o pasado 30 de xuño.