A Federación Frisona Galega (Fefriga), en colaboración co Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, organiza este verán unha nova edición das Escolas Iniciación de Futur@s Gandeir@s, que se celebrará na finca Mouriscade de Lalín (Pontevedra) do 20 ao 24 de xullo.
A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de entre 9 e 25 anos e ten como obxectivo achegar as novas xeracións ao sector gandeiro, fomentar o seu interese polo coidado e manexo dos animais e favorecer o encontro entre mozos e mozas con inquedanzas comúns vinculadas ao mundo da gandería.
As prazas están limitadas a un máximo de 30 participantes. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 15 ao 30 de xuño e non se admitirán solicitudes fóra dese período. O custo da matrícula é de 330 euros e inclúe comidas, aloxamento, documentación e material, seguro, expedición do título ou diploma correspondente e gastos de organización. Ademais, os socios e socias do Club de Xóvenes Gandeiros gozarán dun 30 % de desconto.
Como novidade, a organización pon á disposición dos participantes dous packs de material a un prezo especial. O primeiro inclúe corda de cuadra, peite e máquina pequena, cun custo de 262,71 euros; o segundo incorpora corda de cuadra, peite, máquina grande, máquina pequena e secador, por 797 euros.
Para formalizar a inscrición, será necesario enviar o boletín cuberto xunto co xustificante de ingreso na conta indicada pola organización, sinalando como concepto o nome do alumno ou alumna. Para calquera dúbida ou aclaración, Fefriga pon á disposición das familias os teléfonos 981 57 38 79 e 981 57 37 75.