Elmega conmemorou este venres, 5 de xuño, o seu 50.º aniversario nas súas instalacións de Santa Comba, nun evento no que reuniu máis de 500 persoas entre equipo, clientes, distribuidores, provedores, colaboradores e representantes institucionais.
Baixo o lema “50 anos exportando innovación gandeira”, a empresa quixo renderlles homenaxe a todas as persoas que formaron parte da súa historia durante estas cinco décadas. Desde os seus inicios, a firma mantivo un vínculo directo co sector gandeiro, desenvolvendo solucións orientadas a mellorar o traballo diario nas explotacións e a acompañar a evolución dunha actividade en constante transformación.
María José Otero, unha das administradoras de Elmega, abriu o acto cunha intervención na que puxo en valor a traxectoria da empresa e o papel de quen contribuíu ao seu crecemento. “O 50.º aniversario de Elmega é, sobre todo, unha homenaxe ás persoas que fixeron posible esta historia: traballadores, clientes, distribuidores e colaboradores. Unha celebración para lembrar o camiño percorrido durante cinco décadas e reafirmar o compromiso da empresa co futuro da gandería, a innovación e o benestar animal”, destacou.
Durante as súas palabras tamén fixo referencia á proxección internacional alcanzada desde Santa Comba: “Se de algo nos sentimos orgullosos é de que, desde un pequeno pobo como Santa Comba, fomos capaces de levar os nosos produtos a máis de 30 países, demostrando que con traballo, esforzo e compromiso non hai fronteiras”.
Seguidamente, outra das administradoras, Soraya Otero, dirixiuse en inglés aos clientes e provedores internacionais desprazados ata Galicia desde Irlanda, Italia, Francia, Alemaña, Romanía ou Portugal para acompañar a Elmega nesta data tan especial.
Entre os representantes institucionais participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar.
Con este aniversario, Elmega agradeceu a confianza recibida ao longo de 50 anos e reafirmou o seu compromiso co campo, coas explotacións gandeiras e coas persoas que fan posible o futuro do sector.