A cidade estremeña de Cáceres acollerá os próximos días 12 e 13 de novembro o 7.º Seminario de Produción de Vacún de Carne, organizado pola Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe). O encontro terá lugar no Campus da Universidade de Cáceres e, ao longo do seu desenvolvemento, trataranse temas variados, como a tuberculose, a reprodución e o papel do vacún extensivo na conservación da biodiversidade.
A xornada comezará o martes 12 cunha visita ao Centro de Cirurxía Mínima Invasiva Jesús Usón (CCMIJU), para coñecer as innovacións tecnolóxicas aplicadas á medicina veterinaria. As actividades continuarán en horario de tarde no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria de Cáceres.
As charlas comezarán este primeiro día con Ana Rengifo, da Ganadería Dehesa del Guijo (Cáceres), que falará sobre o papel do vacún extensivo na conservación da biodiversidade. Seguiralle Javier de la Mata, da Universidade Nacional de La Pampa (Arxentina), quen centrará a súa exposición na reprodución. Máis tarde, Mercedes Sánchez Barba, da Universidade de Salamanca, e María Ángeles Risalde Moya, da Universidade de Córdoba, falarán da EHE. O día rematará cunha exposición sobre o preacondicionamento do cebo, impartida por José Ignacio Muñoz, da Covap (Córdoba).
Ao día seguinte, os relatorios comezarán con Javier González Santos, de Invet (Cáceres), que falará sobre xestión de explotacións en extensivo. A seguinte charla tratará sobre a tuberculose, da man de Christian Gortázar (Universidade de Castela-A Mancha). Javier de la Mata volverá a incidir na reprodución con dúas conferencias máis e, xusto despois, haberá unha mesa redonda sobre o gando de lidia, na que participarán Victorino Martín, José Antonio Zuñiga, René Alonso e Joaquín Ranz. A continuación, ofrecerase unha clase práctica de toureo de salón antes da comida de clausura.