O veterinario Manuel Fernández (Consuvet), colaborador de Vaca Pinta e vogal da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) ata este ano, foi recoñecido co primeiro galardón na sétima edición dos Premios +50 Emprende.
O xurado escolleu o proxecto CcVet como o mellor entre os doce finalistas. Trátase dunha iniciativa que analiza información sobre prescrición veterinaria, en animais de compañía e de gandería, para protexer a súa saúde e a humana. A proposta busca mellorar a prescrición mediante datos e intelixencia artificial.
Manuel Fernández acredita a súa funcionalidade porque “cando os tratamentos non se aplican correctamente, as bacterias vólvense resistentes”. Por iso, considera “esencial mellorar a prescrición mediante datos e intelixencia artificial: trátase ben o animal e protéxese a saúde humana”.
Estes galardóns están impulsados por Savia, o proxecto da Fundación Endesa. Estes recoñecementos buscan visibilizar e apoiar o talento emprendedor de profesionais maiores de 50 anos en distintas áreas.