O segundo módulo das XVIII Xornadas Técnicas de Seragro profunda na redución do uso de antibióticos

Seragro SCG emitiu esta tarde o segundo módulo dos seus XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, as primeiras da súa historia que se realizan de maneira totalmente virtual. Esta segunda sesión púidose seguir en directo a través de www.xornadasseragro.com, onde xa está dispoñible para ver en diferido o tres relatorios da sesión, así como tamén a rolda de preguntas.

O USO RESPONSABLE DE ANTIBIÓTICOS. UNHA NECESIDADE E UN BENEFICIO

A encargada de abrir a cita foi Cristina Muñoz Madero, coordinadora nacional do PRAN, quen falou sobre o problema que supón a resistencia aos antimicrobianos e a necesidade de instaurar programas a escala nacional, con respostas multisectoriais, para poder afrontar con éxito o control do risco derivado desa resistencia. "O reto que temos no ámbito veterinario é desenvolver -na práctica- a nova lexislación que entra en vigor en 2022”, afirmou Muñoz.

Continuou o veterinario e profesor de Sanidade e Benestar do Gando na Universidade de Michigan Ángel Abuelo Sebio, o cal falou sobre a correcta adaptación das vacas ao comezo da lactación, que ten lugar durante a fase de secado. Centrou a súa charla en diferentes estratexias de manexo da vaca seca, que axudan a previr as enfermidades do posparto e con iso reducen o uso de antibióticos nas granxas. “Cando medimos o uso de antibióticos en función da cantidade usada (...), o uso de antibióticos inyectables é a que ten maior incidencia, de forma que as enfermidades de posparto son os principais motivos para o uso de antibióticos en granxa, cando falamos de antibióticos por unidade de masa”, resaltou o profesor.

Pechou este segundo módulo a veterinaria do Servizo de Calidade do Leite de Seragro SCG Margarita Penelas López, cunha reflexión sobre o tratamento da mamite, que é moito máis que antibióticos.  Explicou a maneira máis eficiente para reducir o emprego de antibióticos na mamite e evitar o establecemento da enfermidade. Ademais, recalcou que é imprescindible unha abordaxe sistémico da mesma. "É obvio que para non usar antibióticos o mellor é evitar que se estableza a enfermidade e, se hai que tratar, debemos facelo sempre maximizando as posibilidades de éxito”, considerou a veterinaria.

OS RELATORES RESPONDEN Á AUDIENCIA

Despois de finalizar as exposicións, tivo lugar unha rolda de preguntas moderada polo técnico veterinario do Servizo de Calidade de Leite de Seragro Víctor López, na que Muñoz, Abuelo e Penelas responderon ás preguntas que os espectadores tiveron a oportunidade de enviarlles durante as súas intervencións.

O mapa epidemiolóxico, o tratamento de secado selectivo e normas, uso da Zeolita na dieta de preparto, restricións enerxéticas na inxesta das vacas secas, índice de referencia de consumo nas granxas, limitacións de uso dos anticoccidiósicos ou outras cuestións foron respondidas os expertos para finalizar este segundo módulo.

NUTRICIÓN E ECONOMÍA PARA MAÑÁ

As exposicións online continúan mañá co enxeñeiro agrónomo do Servizo de Xestión Técnico-Económica de Seragro SCG Alejandro Aneiros Martínez, o enxeñeiro agrónomo e especialista en nutrición animal, Albart Coster, e o veterinario especialista en ensilado de forraxes Alexandre Udina. A charla dará comezo ás 15:30 horas en www.xornadasseragro.com.

Todos os vídeos deste segundo módulo xa están dispoñibles enwww.xornadasseragro.com