O sector gandeiro, foco do Consello de Ministros

O Consello de Ministros celebrado esta mañá acordouse do sector gandeiro e aprobou varias normas que afectarán á xestión das explotacións en diferentes aspectos.

En primeiro lugar, sacou adiante, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o 44.º Plan de Seguros Agrarios Combinados, no que se establecen todas as liñas de seguro cuxo período de contratación se iniciará ao longo do ano 2023. O plan recolle as diferentes liñas de subvencións aplicadas e as porcentaxes establecidas para cada unha delas. A novidade máis importante incorporada é o aumento en 10 puntos porcentuais na subvención base que perciben a gran maioría dos asegurados, grazas ao incremento do orzamento total, ata 317,7 millóns de euros.

En segundo lugar, o Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte, que derroga a anterior normativa do ano 2016, e introduce melloras nas condicións de benestar do gando e novos requisitos para os profesionais.

Por último, ratificou un real decreto que regula o rexistro xeral das Mellores Técnicas Dispoñibles en explotacións gandeiras, así como o soporte para o cálculo, seguimento e notificación das emisións en gandería. A norma, que entrará en vigor o 2 de xaneiro de 2023, establece a estrutura deste rexistro e o contido mínimo da información que os gandeiros deben comunicar ás administracións públicas sobre a estimación das súas emisións e a aplicación das MTD, en consonancia coas obrigas establecidas nos reais decretos de ordenación gandeira.

A normativa de aplicación da nova PAC terá que esperar ao mes de decembro, a escasos días da súa entrada en vigor o próximo 1 de xaneiro de 2023.