A Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos, Africor Lugo, e Vaca Pinta conseguiron aglutinar un bo número de mozos do noroeste peninsular na súa xa tradicional Xornada Técnica celebrada o 4 de marzo. Uns, levando a súa dose de protagonismo no escenario do auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, e outros, prestando atención e apoiando os seus compañeiros desde os seus asentos.
A organización contou co patrocinio de Elanco, Boehringer Ingelheim, MSD Animal Health, Xenética Fontao e Caixa Rural Galega. Ademais, colaboraron a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela, o Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, a Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) e Agroseguro.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidiu o acto institucional acompañada de Manuel Sandamil, presidente de Africor Lugo; José Manuel Gegúndez, director executivo de Vaca Pinta; Iván Castro, deputado de Participación Cidadá na Deputación de Lugo; Víctor Pereira, vicedecano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e José Manuel López, representante de Caixa Rural Galega, unha das entidades patrocinadoras.
Unha vez máis, a xornada amosou a análise e o debate arredor de temas de actualidade do sector vacún leiteiro cunha visión enfocada no futuro. Os relatorios puxeron o foco en temáticas como o seguro de vacún en Galicia, o papel da vacinación no control da mamite, as estratexias fronte ao Cryptosporidium, o deseño de instalacións para o robot de muxido e a remuda xeracional, con experiencias de persoas novas. Ademais, presentouse o libro La guerra por la proteína animal, da man dun dos seus autores, Juan Pascual.
A dermatose, en estudo para a súa cobertura
A sesión comezou coa presentación de José Bernardo, director territorial na zona noroeste e Canarias de Agroseguro, que explicou as modificacións do seguro nesta campaña: “Prodúcese unha mellora nas indemnizacións, entre outras, na garantía de crías de leite, sen repercusión na tarifa, ademais de novas coberturas como as de pneumonías e enterotoxemia”.
O relator lembrou o funcionamento do sistema español de seguros agrarios, “de índole público-privada”. Ante unha pregunta do público sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNC), José Bernardo recoñeceu que “o sector pídenos a berros que busquemos a maneira de poder cubrir estas doenzas”. Volveu informar que Agroseguro é unha parte do sistema, pero incidiu na súa vontade de estudar a situación. Non obstante, puxo de manifesto a súa dificultade, porque “os seguros traballan sempre cunha previsión de risco. Aquí o problema é que non sabemos canto imos ter que cobrar para facer fronte ao risco. Temos todo este ano para traballar e veremos que resposta podemos dar”.
Positividade e proteína animal
A continuación, tomou a palabra Juan Pascual, veterinario e coautor do libro La guerra por la proteína animal, que remarcou o valor dos alimentos de orixe animal e a capacidade dos ruminantes para aproveitar pastos e terras non cultivables. “Varias capas da sociedade miran o sector con sospeita”, afirmou nada máis comezar.
No seu relatorio indicou que “o acordo UE-Mercosur amosa as vergonzas da lexislación europea. Quizais poña máis en valor a produción de España, pero no tocante a imaxe creo que ao sector non lle vai axudar”.
Pascual augúralle un futuro a longo prazo á gandería con respecto a outros inventos para obter proteína. “Se vemos unha vaca pacendo, iso dános leite e carne a través da enerxía solar; non nos imos poñer a facer tanques de aluminio con enerxía solar para obter outro tipo de proteína, non ten sentido”.
En contra do que poida parecer, sinalou que “o consumo de carne en Europa segue aumentando. Hai veces que, por prezo, a xente deixa de consumir carne de vacún, pero substitúea por ovos, é dicir, a proteína animal segue presente”.
“Cada un de nós temos que contar que a gandería ten moito máis de positivo ca de negativo. Se incluímos desde o produtor ata o persoal que nos atende no supermercado, somos dous millóns de persoas. Se todos explicamos as bondades da gandería, a clase política e a sociedade tamén van ver a parte positiva. Debémolo facer con moita ciencia e paciencia. Multipliquemos a voz, porque temos moito que contar”, presumiu.
Sanidade animal
Despois da pausa para o café, Patricia de Celis, veterinaria en Gescal Veterinarios, expuxo o papel da vacinación no control da mamite, unha técnica que aplicaron na súa empresa grazas á proposta dun gandeiro que na súa gandería tiña serios problemas nesta materia e non os lograba atallar.
“Non é un volume de éxito total, pero conséguense mellorar certos aspectos”, valorou Patricia. “Cando vacinamos, queremos proporcionar unha inmunidade activa, é dicir, lograr unha memoria inmunolóxica similar á producida pola infección natural, pero sen padecela. Temos que incluír o plan de vacinación dentro dun plan de prevención de mamite; se non, non ten sentido”, aclarou.
Máis tarde, Laura Elvira, veterinaria en MSD Animal Health, presentou o relatorio “Do quebracabezas ao control: gañándolle a batalla ao Cryptosporidium”, que arrincou cunha advertencia: “Non coñezo ningunha gandería con mamite 0 nin con diarrea 0; temos que ver como traballar no equilibrio co control”.
A relatora afondou nas razóns polas que este parasito segue tan presente. “Por unha banda, reducimos os outros patóxenos que compiten con el a través das vacinas. Pola outra, os ooquistes de criptos tamén son imposibles de eliminar. A principal fonte de infección é outro xato con diarrea, aínda que existen animais portadores que non enferman, pero transmítenos, ou tamén se pode propagar a través da auga”, describiu.
Instalacións para o robot de muxido
Alberto Jurado, responsable de instalacións gandeiras da Cooperativa Gandeira de Valle de los Pedroches (Covap), subliñou as claves para o deseño de instalacións para o robot de muxido. “Un dos puntos principais para que as vacas queiran acudir ao robot é contar cunha boa saúde podal” foi unha das primeiras afirmacións que lanzou; ademais, destacou as condicións ambientais que rodean a vaca.
“Podemos ter uns cubículos perfectamente deseñados, pero se non realizamos un bo manexo, non conseguiremos que as vacas pasen o tempo necesario neles. Precisamos cubículos brandos, secos, cheos e limpos”, remarcou o relator, ao tempo que amosou a importancia da amplitude dos distintos espazos da nave.
Ao final, Jurado viuse na tesitura de responder sobre a mellor opción de muxido: batch milking ou tráfico libre. “Ambos os sistemas funcionan. É unha decisión moi do gandeiro en función do tipo de man de obra, do espazo para medrar e das súas previsións de futuro”, argumentou.
Remuda xeracional
A sesión da tarde centrouse na remuda xeracional. Por unha banda, Rubén López, veterinario en Campoastur, presentou o programa Campoastur Next. A través desta iniciativa, a cooperativa asturiana pretende acompañar, formar e impulsar a xente nova que quere incorporarse ao sector agrogandeiro ou tomar a remuda nas súas ganderías.
“Next non está feito para convencer a ninguén, naceu para que as persoas integradas no proxecto sexan competitivas e teñan ferramentas para a toma de decisións e a xestión”, achegou.
O propio Rubén López integrouse na mesa redonda conducida por Luis García, director do centro de promoción rural EFA Fonteboa, na que diversas persoas gandeiras novas da provincia de Lugo ofreceron as súas impresións sobre o estado do sector. Participaron Pablo Rodríguez, de Ganadería Xuíz (Bóveda); Alberto Cascudo, de Finca Carballeira (Castroverde); María Castro, de Ganadería Portalousa (Xermade) e Mónica Requeijo, de As Vacas dos Meus (Abadín).
Luis García destacou que “nos anos 20 do século XXI non é necesario marchar da casa para progresar”. Baixo esta premisa, as persoas participantes foron relatando as súas historias persoais baseadas na súa aposta polo medio rural. Pablo Rodríguez contou como se fixo cargo da gandería dos seus avós, sen que os seus pais formasen parte do sector. Na actualidade conta cunhas 120 vacas en muxido e tecnificouse con dous robots.
Pola súa banda, Alberto Cascudo incorporouse á gandería familiar en 2023. Dispoñen de 350 animais en muxido con seis robots. Tres anos antes, María Castro uniuse á gandería dos seus pais e, actualmente, continúa a súa formación académica, ademais de ser membro da directiva de Africor Lugo. Un caso distinto é o de Mónica Requeijo, que rexenta unha gandería en extensivo de montaña con arredor de setenta cabezas.
As catro persoas protagonistas reafirmaron as súas intencións de manterse nos aspectos positivos das súas ganderías e mellorar nas partes con máis marxe, coma na xenética. Animaron a outros mozos coma eles a apostar por un sector que “pode ofrecer unhas boas condicións laborais, con bos horarios e salarios”. Cren que “a tendencia social pola que estaba mal visto ser gandeiro ten que ir rematando, porque non se axusta á realidade”.
Vaca Pinta premiou os mellores TFG sobre vacún presentados na Facultade de Veterinaria
Co obxectivo de potenciar o sector e impulsar a incorporación de novo persoal técnico, Vaca Pinta, en colaboración coa Facultade de Veterinaria, aproveitou a Xornada Técnica para premiar os mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) relacionados co gando vacún presentados nesta facultade lucense no curso académico 2024/2025. María Belén Hernández, Lucía Díaz, Clara García e Mario Merino foron as veterinarias galardoadas.

Primeiro premio
María Belén Hernández levou o primeiro premio polo seu “Estudo epidemiolóxico da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) e o seu impacto clínico e produtivo no gando bovino de Galicia”. No seu traballo, realizou unha enquisa epidemiolóxica sobre os signos clínicos desta doenza, recompilando datos de ganderías e animais, e recollendo a información da produción de leite de robots de muxido.
Estimou unha incidencia do 11,2 % de signos clínicos da EHE, un 2,9 % de mortalidade e unha letalidade do 21,7 %, aínda que con resultados heteroxéneos entre explotacións. Os resultados confirmaron un impacto notable na produción leiteira, cunha redución estimada de 4,9 kg/día nos animais seropositivos.
Ao analizar a variación interanual, constatouse unha redución significativa do 70 % na incidencia clínica nos concellos con circulación da doenza en campañas previas, o que suxire “un posible establecemento dunha inmunidade de rabaño que protexa os aspectos máis graves da infección”. En palabras da autora, estes resultados “confirman a importancia clínica da EHE, que pode ter cursos graves en certas ganderías e causar perdas importantes na produción leiteira”.
Segundos premios
Así mesmo, os segundos premios recaeron en Lucía Díaz, polo seu traballo titulado “Determinación dos metabolitos do cortisol fecal como biomarcador do estrés por calor en vacún leiteiro en Galicia”; en Clara García, pola súa investigación sobre “Endometrite no gando vacún leiteiro”, e en Mario Merino, polo seu traballo dedicado á “Ecografía pulmonar como ferramenta diagnóstica en gando de leite”.
Para o seu estudo, Lucía Díaz tomou como base o ano 2023, cualificado como extremadamente cálido en Galicia. Os seus datos obtivéronse a partir de catro ganderías de vacún de leite situadas no concello lucense de Castro de Rei. Calculáronse os índices de temperatura e humidade, tomáronse mostras fecais de maneira non invasiva e analizáronse o manexo e o deseño das instalacións.
Segundo a autora, este seguimento “permitiu evidenciar os cambios que se producen no eixe endócrino das vacas no período de transición, máis acusados no período preparto, coa medición dos metabolitos do cortisol fecal, asociados ás condicións de manexo. Demostrouse que os animais están sometidos a estrés por calor nos meses de verán, o que produce unha resposta adicional ao estrés nesta etapa fisiolóxica vulnerable”.
Clara García centrou a súa análise nunha das enfermidades que poden afectar á fertilidade e á fecundidade das vacas, a endometrite. A autora recolle a definición desta doenza como “a inflamación da capa endometrial do útero, a partir dos 21 días posparto, acompañada de secreción vaxinal de carácter purulento en ausencia doutros signos sistémicos”. Engade que “non se debe descartar a enfermidade ao non visualizar esta secreción, xa que a endometrite pode presentarse de maneira clínica ou subclínica”.
Con base no explicado anteriormente, “a eficiencia reprodutiva dos animais afectados vese reducida, xa que se retarda o reinicio da actividade ovárica cíclica, aumenta o número de servizos necesarios para a concepción, se alonga o intervalo parto-xestación e se obteñen unhas taxas de preñez máis baixas”.
Nas súas conclusións pon a énfase na prevención, coa “implantación de prácticas de manexo axeitadas, entre as que se atopan unha achega nutricional óptima no período de transición e o mantemento dunha correcta hixiene, ademais de establecer prácticas durante o parto que favorezan unha boa función inmunitaria e minimicen a contaminación do tracto reprodutor”.
Pola súa banda, Mario Merino, que non puido estar presente na recollida do seu premio, investigou a utilidade da ecografía torácica ante “as dificultades de crecemento, o atraso da idade ao primeiro parto e a redución de produtividade futura que provoca a pneumonía na recría”.
O seu traballo céntrase na aplicación da ecografía pulmonar en ganderías de vacún leiteiro, destacando o seu “valor diagnóstico avalado pola evidencia científica previa. Diversos estudos demostran que esta ferramenta permite a identificación de cadros subclínicos, o seguimento da evolución da enfermidade e a avaliación da eficacia terapéutica, favorecendo unha xestión máis precisa da saúde respiratoria na recría”.
Merino conclúe que “a ecografía pulmonar constitúe un método complementario de gran valor para o prognóstico da síndrome respiratoria, ao ofrecer elevada sensibilidade e especificidade diagnóstica, axeitada adaptación ás condicións de campo e un coñecemento claro das súas limitacións técnicas e operativas”.
Ademais deste premio, a revista Vaca Pinta financia a inscrición destas persoas veterinarias no vindeiro Congreso da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), que se celebrará do 20 ao 22 de maio en Valladolid.