O xornalista Manuel Cruz recibe o Accésit do Premio de Xornalismo científico Celia Brañas 2021

O xurado do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021, concedido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), decidiu outorgar un accésit á peza ‘Investigación fronte á praga da rata topo’ do xornalista Manuel Cruz Rodríguez. O xurado valorou que é unha peza que pon o foco nun problema que afecta economicamente a realidade galega e achega como se está abordando desde un punto de vista científico para darlle solución.

A investigación foi emitida no programa Labranza da CRTV e Cruz resalta que para o equipo é un orgullo que se recoñeza o seu traballo e apunta que, desde os seus inicios, “un dos obxectivos foi darlle voz e axudar a divulgar o traballo calado que tantas investigadoras fan a favor do desenvolvemento do agro galego”. O tamén director do espazo destaca que a distinción resulta satisfactoria porque “o mérito dese traballo non é noso, o mérito é do grupo de Neuroanatomía da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (USC)”.