Nos últimos anos está a medrar de maneira exponencial o número de graffitis que podemos atopar nas ganderías galegas. Cada vez son máis os artistas que realizan estes deseños e tamén son cada vez máis os gandeiros que apostan por darlles un toque innovador a diferentes partes da súa explotación. Ver máis en Vaca Pinta 47.
Quedan atrás os tempos nos que as ganderías se vían coma un pequeno negocio para a xente do rural. Na actualidade, son empresas modernas que empregan as tecnoloxías máis innovadoras para obter os resultados máis eficientes posibles e a máxima rendibilidade. Ademais, son moitos os mozos e mozas que xa se animan a escoller este oficio. Unido a todo isto, un elemento importante hoxe en día é a aparencia da granxa, que non se quere descoidar e, a través dos graffitis, conséguese embelecer e sacar proveito a moitas das súas partes dun xeito moderno.
Así mesmo, con isto lógrase achegar o mundo rural ao urbano, establecendo unha suxestiva conexión que pode facer chegar á sociedade o papel que teñen as ganderías no noso día a día e o importantes que son.
A continuación, coñecemos máis de preto varios exemplos de gandeiros que se internaron no mundo da arte urbana a través de murais e graffitis.
OS ARROXOS
A medida que nos achegamos a Os Arroxos, situada en Pacios, Castro de Rei (Lugo), o primeiro que atopamos é un silo convertido en Minion, vestido de vaca e bebendo leite. Este non é o seu único graffiti, senón que, unha vez que nos internamos na explotación, podemos observar outro mural con dúas vacas como protagonistas.
“A idea xurdiu a raíz de ver graffitis en redes sociais e outros traballos de Rubén Paz, Trece Trazos, o artista que pintou ambos os deseños”, narra Edgar Paz, socio da gandería. Así pois, explica que, ao ver as paredes un pouco baleiras, animáronse a chamalo e facerlle a proposta. Isto sucedeu hai pouco menos dun ano.
En primeiro lugar, realizaron o das dúas vacas, que teñen unha historia especial ao tratarse de xemelgas que sempre estaban xuntas e que lles achegaron moito leite e moitas fillas. Tíñanlles bastante cariño, así que decidiron plasmalo nunha das paredes da nave. Ademais, tratábase da zona nova da explotación, onde instalaran robots de muxido, polo que quixeron colorear ese espazo. A idea inicial xurdiu a partir dunha foto que tiñan de ambas as vacas: “Amosámoslla a Rubén, el fixo a súa maxia e reflectiuna”, conta o gandeiro.
Máis adiante, puxeron o enfoque no silo, xa que “estaba demasiado branco”, segundo comenta Edgar Paz. Coa idea dun dos seus fillos, que expresou que tiña forma de Minion, decidiron optar por ese deseño, pero dándolle un toque diferente e adecuándoo ao sector vacún leiteiro ao disfrazalo de vaca.
“O que facía Rubén gustábanos e non pensamos en ninguén máis, así que decidimos falar con el e non houbo problema”, explicou Edgar sobre por que optaron por este artista para realizar os murais.
Con respecto a se farán máis graffitis ou non, a reflexión de Edgar é interesante, xa que admite que “é algo que engancha un pouco”, coma se dunha tatuaxe se tratase. Así pois, confésanos que teñen algo en mente e que escollerán de novo a Rubén para o seguinte proxecto, pero “pouco a pouco”.

O ARTISTA, RUBÉN PAZ
Tamén coñecido como Trece Trazos, Rubén Paz é un dos moitos artistas galegos que plasmou a súa arte en diversas granxas de Galicia; unha delas, a dos Arroxos.
Paz leva xa no mundo do street art uns quince anos, aínda que hai tan só cinco que se dedica a isto de maneira máis profesional.
En canto aos murais dos Arroxos, cóntanos que o chamou Fina, a dona da granxa, para propoñerlle o das dúas vacas; o do Minion xurdiu despois. Pintou ambos en pouco tempo. En canto ao deseño previo, Rubén explica que, dependendo do momento, pode levar un día ou unha tarde. Xa na seguinte fase, o primeiro pintouno nunhas oito horas aproximadamente e, o segundo, nunha tarde, en torno a unhas catro ou cinco horas.

Para o mantemento deste tipo de graffitis, o artista explica que depende dos materiais que se usen e de como estea o soporte: “Neste caso concreto, o soporte é bo, non ten desgaste nin está oxidado”. Outro aspecto importante son os materiais que se usan: “Eu sempre opto polos mellores e poden durar con boa calidade uns dez ou quince anos facilmente; logo, co paso do tempo, vai perdendo cor, coma todo, igual que pasa cando pintas unha fachada. Nuns quince anos habería que repasalo”.
Xa nos seus inicios, Rubén comezou facendo traballos nalgunha granxa, plasmando vacas. Tamén realizou varios logos en ganderías. “Nestes últimos dous ou tres anos, si que fixen como cinco ou seis explotacións diferentes”, enumera.
“Ao final, pasas por diante dunha parede que antes estaba baleira, en mal estado ou fea e agora, pintada, causa un impacto positivo, xa sexa porque che chame a atención, che guste o que plasma ou o vexas como unha representación artística”, reflexiona Rubén Paz con respecto ao crecemento deste tipo de murais nas granxas galegas.
Á pregunta de se ten concretados novos proxectos nalgunha outra gandería, desvelounos que xa está a preparar algo noutra granxa de Castro de Rei.
GANADERÍA CASTELO
Seguindo a estela de Trece Trazos, chegamos a outra das granxas que conta cun deseño seu, nesta ocasión dunha vaca co nome da granxa: Ganadería Castelo.
Esta explotación sitúase na Rigueira, A Pastoriza (Lugo), e a gandeira Laura Camiño cóntanos como xurdiu a idea.
“Hai un ano levamos a cabo unha obra nova para instalar dous robots de muxido e quedábanos esta porta algo baleira, polo que quixemos darlle outra aparencia á granxa e contactamos con Rubén Paz, a quen atopamos en redes sociais. Vimos outros murais seus en granxas e gustounos moito”, revela Camiño.
En canto ao deseño que elixiron, desde a gandería sabían que querían unha vaca, así que Rubén os aconsellou e guiou nesa dirección. O graffiti realizouno en tan só dúas mañás.
Con respecto a se teñen pensado adornar a súa granxa con novos murais nun futuro próximo, Laura admite que a súa idea é ir facendo máis segundo vaian podendo. O plan é repetir con Trece Trazos.

GANADERÍA FAUSTINO
No sur da provincia de Lugo sitúase outra das granxas que conta cun mural de temática rural. Trátase de Ganadería Faustino, en Val do Couto, Paradela (Lugo), onde nos recibe o seu propietario, Diego Rodríguez.
“A idea xurdiu porque temos unha estrada xusto diante da granxa e había unha parede moi grande e baleira”, relata o gandeiro sobre o motivo polo cal decidiron lanzarse ao mundo da arte urbana.
O artista encargado desta obra é o lucense Diego AS. “Despois de coñecelo a través de varios programas de televisión e de verlle varios graffitis polas redes sociais, decidín contactar con el e propoñerlle a idea”, narra Rodríguez.
O mural levouse a cabo no ano 2022 e o artista tardou tres días en elaboralo: “Falei con Diego AS e pedinlle proposta de varios deseños para despois poder elixir un que se adaptase e o que máis nos gustase”, aclara en canto ao proceso previo.
O graffiti reflicte unha paisaxe realista con varias vacas plasmadas nel; así mesmo, nunha das esquinas, incluíuse tamén o logo da granxa co seu nome.
Nun futuro próximo, Diego Rodríguez quere encher todo o lateral da granxa e, ademais, gustaríalle tamén adornar outras partes da explotación. En canto ao estilo dos futuros deseños, reafírmase en que se baseará en temática rural.
“Tería que falar con Diego para ver se está disposto, aínda que quizais probe con outro artista”, conclúe o propietario da granxa.

CASA GRANDE DE XANCEDA
Desde a provincia de Lugo movémonos á da Coruña, a Mesía e, máis concretamente, á Casa Grande de Xanceda. Recíbenos Sara Torreiro, responsable de márketing e comunicación. Neste recinto conservan 200 hectáreas de prados, bosques e zonas húmidas onde viven as súas 300 vacas.
Na Casa Grande de Xanceda chama especialmente a atención un dos seus murais, de seis metros de longo, cunha engaiolante historia: “A idea de deseñar este mural veu de que tiñamos unha fotografía icónica do noso fundador Felipe Fernández-Armesto, que erixiu a Casa Grande de Xanceda xunto coa súa muller, Victoria Armesto”, expón Sara Torreiro.
Na foto orixinal el simplemente estaba sentado cun castiñeiro atrás e coa vaca que ten en fronte. Porén, o artista encargado de deseñar o mural, Joseba Muruzábal, tamén coñecido como Yoseba MP, ampliou a foto á gran pradería que se observa no deseño, con máis vacas. Ademais, ten a virtude de que o mural funciona perfectamente, xa estea o portalón aberto ou pechado; por este motivo hai dúas vacas deitadas seguidas.
O mural deseñouse este ano como tributo ao Día do Leite, xa que a certificación en ecolóxico de Xanceda foi posible pola visión que tivo Felipe Fernández-Armesto de investir en terra en lugar de en formigón e pola súa aposta de ter vacas acostumadas ao pastoreo.
Sara Torreiro declara que optaron por este artista porque viron que tiña unha paleta moi colorida e, polo tanto, pensaron que era a persoa ideal para levar a cabo esta representación. En total, tardou cinco días en rematar o mural.
Desde Casa Grande de Xanceda desvelan que nesta parede había outro, pero houbo que facer unha remodelación e, polo tanto, cambiárono. Con todo, na parte traseira do establo dispoñen doutro graffiti tamén realizado polo mesmo artista. Ademais, Torreiro explica que tradicionalmente en Xanceda apostaron pola arte tanto dentro da granxa coma fóra, algo que se ve reflectido na súa participación en festivais coma o das Meninas de Canido, onde tamén dispoñen do seu propio mural, coa firma de Nina, unha grafiteira de Ordes: “Ese deseño representa unha menina vestida de cow print coa nosa cachorriña Malibú nos brazos”, relata Sara Torreiro.
Así pois, na Casa Grande de Xanceda nunca desbotan ideas para mellorar, dinamizar e embelecer espazos da granxa. Neste sentido, a responsable de comunicación e márketing explica que “as granxas tamén temos unha responsabilidade na conservación do noso propio espazo e da paisaxe; polo tanto, murais como estes quedan ben integrados na zona e cremos que son boas iniciativas. Estas accións contribúen a que as granxas sexan sitios máis humanizados, máis acordes co ambiente no que están e eu creo que tamén é unha maneira de apoiar os artistas locais”.

TORRES SAT
Continuamos o noso percorrido cunha parada moi especial en Vimianzo, A Coruña, onde se sitúa a gandería Torres SAT, a cal foi protagonista do noso segundo número de Vaca Pinta cun reportaxe de granxa.
Volvemos a achegarnos a esta explotación, nesta ocasión para coñecer máis detalles sobre o rechamante mural que adorna o establo. Así pois, Roberto Moreira, socio da gandería, detalla que decidiu facelo para darlle un toque á granxa diferente e mantela máis coidada.
Un día cunhas amigas e de forma totalmente casual, coñeceron en Vimianzo a uns grafiteiros que lles deron varias ideas; finalmente, gustoulles pola que optaron. Deste xeito, en 2017, lanzouse á arte urbana na súa granxa, o que o converte nun dos pioneiros de Galicia.
Ademais do deseño principal, tamén retrataron unha vaca e no silo de penso teñen un ubre; todo se levou a cabo no mesmo ano e a iniciativa xurdiu por parte dos artistas. En total, tardaron unha semana en rematar todo.
Ao poñer a mirada no futuro, Roberto Moreira adiántanos que, coa ampliación da nave, quere realizar tamén o mesmo deseño polo outro lado, para igualar a granxa e que quede todo simétrico. Confiará nos mesmos artistas para continuar o proxecto.

GANADERÍA REY HERMIDA
Raquel Vilas e Joselino Rey están á fronte da Ganadería Rey Hermida, situada en Marcelle de Landeira, Negreira (A Coruña).
A idea do mural chegoulle á parella por dous motivos. En primeiro lugar, querían dar un pouco de vida á granxa e, en segundo lugar, viron en Santa Comba varios murais que chamaron a súa atención; de feito, un dun tractor en concreto conquistounos. Debido a isto, contactaron coa empresa encargada de realizar o devandito mural, Vella Escola.
“Propuxéronnos varios modelos, pero vimos todo moi formal e moi realista. Nós tiñamos a idea de algo máis animado. Entón, ao falalo, a proposta saíu por parte nosa: buscamos unha idea por Internet, enviamos a fotografía e, unha vez tomada a decisión, comezou o deseño do mural”, comenta Raquel Vilas. Pintouse nun único día, tres ou catro anos atrás. No futuro, non descartan a idea de continuar decorando a súa granxa con máis graffitis.

OUTRAS GANDERÍAS QUE CONFÍAN NA ARTE URBANA
Son moitas máis as granxas que apostaron e o seguirán facendo nos vindeiros anos por adornar as súas paredes, naves, silos etc., con murais e graffitis.
Unha delas é a Ganadería Condado, explotación situada en Castro de Rei (Lugo) e rexentada por Ramón Lamas, cun mural pintado polo artista César Lorenzana, que adorna unha das súas paredes. Trátase dunha imaxe divertida e colorida dunha vaca.
Finalmente, non podemos deixar de mencionar á Ganadería Lameiro, en Tordoia (A Coruña), con Ricardo Liste á cabeza. Neste caso concreto, unha das portadas da nosa revista, a do número 12, resultou ser a inspiración para deseñar o graffiti que actualmente loce nesta granxa.
Está claro que a arte urbana cada día está máis presente nas explotacións galegas e, co paso do tempo, é probable que observemos moitos novos deseños en diferentes negocios da comunidade. A modernidade das granxas actuais é xa un feito e isto é só un dos moitos exemplos. Tras o noso percorrido, podemos concluír que as distancias entre o mundo urbano e o rural non son as de hai anos, senón que a proximidade é cada vez máis evidente.

