O novo instituto da USC, vinculado ao Campus Terra, reúne 160 investigadores e investigadoras para conectar ciencia, territorio, administracións, empresas e sociedade arredor de desafíos como o cambio climático, as zoonoses, a perda de biodiversidade ou a seguridade alimentaria.
O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible, iTERRA, presentouse oficialmente este martes na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, como un novo proxecto científico estratéxico orientado a abordar os grandes retos contemporáneos desde unha perspectiva integrada.
O acto, celebrado no auditorio da Facultade de Veterinaria, contou coa participación da reitora da USC, Rosa Crujeiras; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande; a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta, Almudena Hospido; a directora do Campus Terra, Marta I. Miranda; e a directora do iTERRA, Marta López Alonso. A sesión incluíu a presentación institucional do instituto, microcharlas de persoal investigador e unha mesa de diálogo con representantes da administración, o tecido produtivo e a sociedade.
A directora do iTERRA, Marta López Alonso, explicou que o novo instituto nace coa vontade de dar resposta a desafíos globais que non poden abordarse de forma illada, como o cambio climático, as emerxencias sanitarias, as zoonoses, a perda de biodiversidade, as resistencias antimicrobianas ou a necesidade de construír unha sociedade máis resiliente. “É necesario un centro que integre unha multidisciplinariedade capaz de resolver este tipo de problemas”, sinalou.
López Alonso subliñou que o iTERRA se sitúa na confluencia entre o enfoque One Health e o desenvolvemento sostible. Neste sentido, defendeu que a saúde das persoas, dos animais —especialmente os de produción— e do medio ambiente están “totalmente interconectadas”, do mesmo xeito que o están as dimensións económica, social e ambiental do desenvolvemento. A directora destacou que a gran evolución do instituto é precisamente a súa capacidade para abordar de maneira conxunta dous marcos que ata agora se traballaban con frecuencia como disciplinas separadas.
O novo centro reúne 160 investigadores e investigadoras con liñas de traballo moi diversas. Segundo López Alonso, o reto non é substituír a especialización de cada grupo, senón conectar proxectos que ata agora avanzaban dunha maneira máis individual para darlles unha nova dimensión mediante a incorporación doutras disciplinas. “Ese é realmente o gran avance do noso instituto”, afirmou.
A reitora da USC, Rosa Crujeiras, cualificou a creación do iTERRA como “un grandísimo motivo de celebración e de orgullo” para a universidade, ao consolidar un proxecto xestado durante tempo no Campus de Lugo. Crujeiras destacou o seu encaixe en ámbitos como a sustentabilidade, a saúde animal e a protección medioambiental, e definiuno como “un exemplo de como debemos abordar os grandes retos de futuro desde distintas perspectivas”.
Crujeiras tamén incidiu en que o iTERRA será unha peza fundamental dentro da estratexia de especialización do Campus Terra, ao actuar como catalizador de capacidades de investigación e transferencia de coñecemento cun foco centrado no territorio, no tecido produtivo agrícola e forestal e nas oportunidades de futuro para Galicia.
Pola súa banda, a directora do Campus Terra, Marta I. Miranda, destacou que o instituto permitirá “xuntar investigadores, xuntar ideas e facer investigación de vangarda”, ademais de transferir ese coñecemento á sociedade. Miranda afirmou que, desde o rural, estas sinerxías resultan clave para responder aos retos existentes e protexer o territorio.
A presentación incluíu tamén o bloque “Ciencia conectada para retos complexos”, con microintervencións de Pablo Souza Alonso, Noelia Vigo Díaz e Ana Seijas Cerceda, así como unha mesa de diálogo sobre a conexión do iTERRA coa sociedade, na que participaron representantes de AGACAL, do ámbito agroecolóxico, da empresa Medrar Smart Solutions e da Deputación de Lugo.
Con este novo instituto, a USC reforza o papel do Campus Terra como polo de investigación, transferencia e innovación vinculado ao territorio. O iTERRA aspira a converterse nun espazo de ciencia conectada, aberto á colaboración coas administracións públicas, o tecido produtivo e a sociedade, para deseñar solucións compartidas ante retos que afectan simultaneamente á saúde, aos ecosistemas, á alimentación e ao desenvolvemento sostible.