O comité de Abanca Cimag-GandAgro apoia a consolidación da feira como referente en tecnoloxía agropecuaria

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, avanza na súa organización para converterse nun gran punto de encontro agropecuario. Para iso, o seu comité organizador celebrou esta mañá, na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), unha reunión. Na mesma, abordáronse diversos aspectos como a comercialización ou o plan de promoción do certame, ademais de comezar a configurarse o programa de actividades da feira, que terá lugar do 2 ao 4 de marzo.

O encontro estivo presidido polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte, e durante o seu transcurso Abanca Cimag-GandAgro volveu recibir o firme apoio do sector. Así mesmo, na reunión estiveron presentes preto dunha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro. Así, participaron representantes da Federación Galega de Produtores de Porcino (FEGAPOR), Asociación Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Federación Frisona Galega (FEFRIGA), Africor Pontevedra, Delagro, Aira, Xenética Fontao, Maquinaria Agrícola do Noroeste-John Deere, Ausama, Tecnor Lalín Maquinaria, Agrotec Entrecanales, Hitraf, Claas Ibérica, Hermanos Villar, Delaval Equipos, Imán, Transmedia Comunicación e ABANCA Agro. Así mesmo, estivo presente Javier Bueno, profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do xurado do Concurso de Máquinas Destacadas que ten lugar na feira.

Durante a reunión destacouse o traballo de Abanca Cimag-GandAgro para consolidarse como a feira da tecnoloxía aplicada á agricultura e a gandería, á vez que se recalcou o seu valor como vector de profesionalización do sector agropecuario a través da presenza das últimas innovacións, propostas e coñecementos. Ademais, fíxose fincapé na oportunidade que supón esta cita para visibilizar a relevancia que ten o sector na sociedade e o importante papel que cumpre na mesma.