O CIAM organiza unha xornada sobre os seus avances en produción de leite

O Centro de Investigacións de Mabegondo (CIAM) organiza este xoves, 19 de maio, unha xornada para dar a coñecer os avances en materia de leite levados a cabo no centro durante os últimos catro anos. A cita está aberta a calquera actor do sector lácteo e para participar é necesario anotarse a través do correo electrónico ciam.cmr@xunta.gal indicando o nome e apelidos dos asistentes, ademais de confirmar a participación na comida.

O evento ábrese ás 10:50 cunha benvida de Abelardo Nimo Silva, director do CIAM e xa ás 11:00, o investigador César Resch Zafra ofrecerá os resultados WP7 do proxecto Dairy for Future. Ás 11:45 horas, o investigador Gonzalo Flores Calvete presentará unha nova tecnoloxía para a trazabilidade de leite de vaca en Galicia. Despois dun descanso, os investigador Marcos Veiga López falará sobre a caracterización do leite de pastoreo. Para finalizar a parte formativa, haberá un relatorio sobre a sustentabilidade dos diferentes sistemas de produción de leite en Galicia. Ás 15:00 horas será a comida en Casa Manolo e pola tarde visitaranse as instalacións do CIAM e ensaios en leite.