O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude fai 50 anos

O Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (CFEA), situado no concello coruñés de Boqueixón, conmemora neste 2025 cincuenta cursos de ensinanza, desde os seus inicios no ano 1974.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou recentemente nun acto conmemorativo do aniversario do centro. Asegurou que "a liña de traballo do executivo autonómico pasa por apostar pola educación como un dos piares fundamentais para manter un rural vivo e sustentable".

A titular de Medio Rural indicou que o goberno galego mellorará as infraestruturas dos CFEA e ampliará o número de prazas para dar resposta á demanda do alumnado.

Sergude converteuse nun lugar de referencia para a formación nos ámbitos gandeiro, agrario e forestal. Entre a súa oferta de estudos inclúense os ciclos de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e Produción Agropecuaria.