O vindeiro luns, 1 de xuño, comeza a contratación dos seguros pecuarios incluídos en cada plan anual de seguros agrarios. O novo plan inclúe 15 liñas gandeiras e acuícolas.
Estas semanas, Agroseguro está a presentar as novidades máis relevantes que reúnen os seguros gandeiros en diversas xornadas divulgativas. Entre as principais melloras, destacan as do seguro de gando vacún de reprodución e produción.
Para o plan 2026, as novidades máis salientables son o incremento das indemnizacións por xatas, a revisión dos valores de aseguramento dos animais e a mellora, así mesmo, das indemnizacións nas explotacións cárnicas, mediante unha ampliación do rango de idade e unha mellora da compensación para os animais máis lonxevos.
Ademais, incorporouse cobertura fronte a pneumonías en animais produtivos e enterotoxemias en non produtivos, e elimínase o período de carencia para os animais que proceden de centros de recría ao regresar á explotación de orixe.
Por último, inclúense nas coberturas do seguro os centros de testaxe e elimínase a retirada e destrución de animais mortos na explotación como garantía adicional, aínda que se poderá seguir contratando a cobertura de gastos a través da liña de seguro específica para iso.
No caso do seguro de gando vacún de cebo, inclúese o ataque de animais salvaxes dentro da garantía básica e na garantía de mortalidade masiva engádese unha nova franquía elixible do 50 %.
A contratación dos seguros pecuarios foi medrando nas últimas campañas e, con datos a 15 de maio de 2026, o plan 2025 pechará cun novo incremento dun 5 % no número de animais asegurados (con 414,5 millóns de animais) e dun 6 % no capital asegurado (5.081 millóns de euros) respecto aos valores do plan 2024.
En concreto, o seguro de gando vacún de reprodución e produción (coñecido comunmente como vacún de carne e leite) é o seguro gandeiro con maior capital asegurado. Os seus datos do plan 2025 tamén pecharán en positivo, xa que a contratación medrou, polo de agora, preto dun 6 %.