Os Centros de Promoción Rural – EFA de Galicia celebraron onte o seu 50 aniversario no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago. O evento reuniu a unhas 1.500 persoas en total, entre representantes institucionais, empresas e membros da comunidade educativa. No transcurso do mesmo visibilizouse o traballo que ao longo deste tempo levaron a cabo estas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción do medio rural, poñendo en valor a xente e os recursos do rural galego como xeradores de emprego e riqueza no territorio. En Galicia hai tres centros: A Cancela (As Neves-Pontevedra), Piñeiral (Arzúa-A Coruña) e Fonteboa (Coristanco-A Coruña).
Gabriel Tirapu, presidente da Federación EFAs de Galicia, foi o encargado de abrir o acto. A secretaria xeral da Federación, Belén Rodríguez, fixo balance dos 50 anos dos Centros de Promoción Rural na comunidade galega. Ao longo deste tempo, o alumnado destes centros realizou máis de 40.000 estadías formativas, en colaboración con ao redor de 2.500 empresas galegas. Pedro Puig, experto en Formación Profesional Dual e en formación no ámbito rural, cunha longa traxectoria en países de Europa, América e África, abordou a visión de futuro das EFAs.
Cabe destacar deste encontro a intervención de Carmen Lence, CEO do Grupo Lence, que anunciou a creación do Premio ao emprendemento no rural, dirixido ao alumnado de último ano das EFAs galegas. Recoñecerase o mellor proxecto fin de carreira, do que se valorará o seu impacto e recibirá unha axuda para poñelo en marcha, impulsando así que os mozos e mozas se incorporen profesionalmente ao rural. Poderán presentarse ao premio máis de 300 estudantes de ciclos formativos de grao superior das tres EFAs que hai na comunidade galega: "Somos activistas do rural e os mozos son o futuro", remarcou.
No acto tamén participou o director de Abanca Agro, Jesús Combarro. A maiores, formaron parte deste evento varios exalumnos das EFAs galegas, que amosaron a súa experiencia traballando e emprendendo no rural. Así mesmo, tivo lugar a entrega de diplomas aos alumnos que se graduaron este curso e a imposición de becas. Finalmente, o conselleiro de Medio Rural, José González, puxo fin ao encontro coa súa intervención.