Delagro ofrecerá unha serie de charlas online sobre pastos e forraxes a próxima semana

A segunda Xornada Delagro de Forraxes e Pastos terá lugar de maneira dixital os días 9, 10 e 11 de marzo e poderase seguir a través das canles habituais de Vaca Pinta.

Baixo a temática “Un modelo ambiental e socioeconómico no norte da península ibérica”, no primeiro día de charlas emitidas no marco dos Seminarios Online con Vaca TV participarán como oradores Ana Isabel Roca e Ángel Mirada, os cales falarán de aspectos produtivos, reprodutivos e sanitarios das razas Holstein, Jersey e Procross e do modelo cooperativo CAVI para a xestión de forraxes, respectivamente.

Na segunda xornada de charlas intervirán Ángel Ávila e María Hermida para abordar distintos aspectos da nutrición no vacún leiteiro. O último día, Javier Caneda ofrecerá unha presentación sobre os puntos críticos de traballo co plástico ensilable e terá lugar unha mesa redonda sobre o manexo da forraxe na que participarán José Manuel Tellado (AIRA), Gumersindo Menéndez (Campoastur) e Álvaro Pereda (Agrocantabria).

As sesións de preguntas e respostas da audiencia faranse en directo ao finalizar cada intervención.

Consulta o programa completo e o horario de cada charla aquí.
Poderán seguirse de xeito íntegro a través da web e da páxina de Facebook de Vaca Pinta.