Curso sobre as potencialidades de I+D do robot de muxido no programa de formación da granxa experimental do Campus Terra

Máis dunha vintena de docentes e investigadores do Campus de Lugo, ademais doutros profesionais veterinarios en exercicio e técnicos ligados co sector agropecuario participan nas instalacións da granxa experimental do Campus Terra nun seminario sobre as potencialidades científicas que ofrece un robot de muxido. Esta tecnoloxía  contribúe a mellorar a xestión dunha explotación leiteira e favorece a gandería de precisión a partir da captación e análise de múltiples datos.

A primeira actividade formativa está impartida por un técnico especializado da empresa DeLaval, a compañía á que a Universidade de Santiago de Compostela adquiriu este equipamento tecnolóxico a través do que é posible captar todo tipo de datos vinculados á produción, reprodución, comportamento e sanidade dos animais.

Entre os cometidos deste programa de formación atópanse o aproveitamento e a posterior análise por parte dos investigadores do Campus de Lugo da ampla información que permite obter o robot, así como a conseguinte transferencia dos resultados das investigacións desenvolvidas aos produtores do sector leiteiro.

O funcionamento do sistema de xestión DelPro e as posibilidades de extraer informes de datos con fins investigadores centrou a primeira das tres sesións nas que se estrutura este módulo. 

A PRÓXIMA SESIÓN BORDARÁ O MANEXO E O BENESTAR ANIMAL

O benestar animal e a mellora e optimización dos procesos e do manexo do gando vacún centrará a temática do segundo dos módulos de formación programados na granxa experimental do Campus Terra.

O vindeiro 19 de maio, en quenda de mañá e de tarde, terá lugar un curso sobre o programa informático Smartbow, tamén adquirido pola universidade a fin de fomentar na sede universitaria luguesa novas liñas de investigación orientadas á gandería de precisión e á mellora do manexo de animais e do seu grao de benestar.