Convocada a primeira poxa de frisón de 2026 en Friol: inscricións abertas ata o 30 de decembro

Convocada a primeira poxa de frisón de 2026 en Friol: inscricións abertas ata o 30 de decembro

Friol acollerá o sábado 31 de xaneiro de 2026 a primeira poxa de gando frisón do ano, unha cita xa consolidada como un lugar ideal para ofertar e mercar animais con garantías. O prazo de inscrición remata o 30 de decembro de 2025 e, a partir de aí, realizaranse as probas sanitarias, que fan destas poxas un espazo seguro e fiable para o sector.

A poxa ofrece vantaxes claras para as dúas partes: para os vendedores, é un evento publicitado, con recollida do animal o venres e cobro o sábado, mentres Africor se encarga das probas sanitarias e da preparación dos animais (coidado, lavado e pelado) para poñer en valor a súa morfoloxía e presentar a información xenealóxica, ademais de favorecer a concentración de compradores e a publicidade para a gandería. Para os compradores, supón concentración da oferta, garantías sanitarias, animais de explotacións próximas, datos xenealóxicos completos, transporte gratuíto para as ganderías da provincia de Lugo e doses gratuítas por xentileza de Xenética Fontao.