Continuamos a celebración do noso terceiro aniversario coa publicación de Vaca Pinta 22

“Fai agora tres anos presentabámosvos o primeiro número de Vaca Pinta. Botamos a vista atrás e acordámonos como se fose hoxe daqueles momentos cheos de nervios ao pensar na recepción que tería e dunha emoción inevitable tras semanas traballando moi duro para entregarvos este agasallo...”. Así comeza o editorial do vixésimo segundo número de Vaca Pinta, cuxa edición on-line xa podedes consultar desde hoxe en galego e en castelán na hemeroteca desta web. Coincidindo con esta efeméride, no seu interior atoparedes a acreditación de tirada oficial PGD, que reflicte unha media de 16.966 exemplares por número ao longo de 2020.

Entre os contidos de Vaca Pinta 22 destacamos un especial sobre ensilado da herba; unha ampla reportaxe acerca do obradoiro de iogures e leite pasteurizado Kalekói, situado en Lalín (Pontevedra), así como da gandería da que procede a materia prima, Banda SC, de Rodeiro (Pontevedra), e un especial na sección ‘Con Lupa’ sobre a nova PAC e a postura que defenderá cada comunidade autónoma na negociación co Ministerio.

ESPECIAL: ENSILADO DE HERBA

Por unha banda, o director técnico de Adial, Alexandre Udina, abunda sobre a formación de aminas bióxenas nos ensilados de raigrás e os seus principais efectos en vacas e, por tanto, na alimentación humana. Por outra, María Hermida (Rock River Laboratory Spain) e John Goeser (Rock River Laboratory Wisconsin) céntranse na importancia da toma de mostras dun modo correcto e a súa posterior análise nos ensilados de pradeira.

MEDIO AMBIENTE E ECONOMÍA

Na sección de ‘Medio Ambiente’ os veterinarios Jesús de la Iglesia (Gestelvit SL) e Juan Antonio Vallés (Kellervet SL) expoñen a súa opinión sobre o problema de emisión dos gases de efecto invernadoiro e propoñen a utilización de aceites esenciais para reducir o metano producido polas vacas.

Na sección de ‘Economía’, o veterinario de Consuvet Manuel Fernández fala acerca do prezo xusto nas granxas e propón un exemplo de consenso a través dun dos simuladores de cowsulting.

SAÚDE ANIMAL

Neste apartado atoparedes dous estudos. O primeiro deles asínao o veterinario Antonio Jiménez (Ceva Salud Animal) e trata da febre Q no gando vacún, os seus principais síntomas e as consecuencias para a granxa. O segundo, de autoría compartida por varios investigadores do Grupo Invesaga da Facultade de Veterinaria de Lugo (USC), mostra como deseñar un plan de control parasitario adaptado a cada explotación.

AGRICULTURA E MANEXO

Na sección de ‘Agricultura’, o director comercial de Delagro S. Coop., Gustavo Espinosa, expón nun artigo o nivel de acidez dos diferentes chans da península ibérica e ofrece algunhas recomendacións para alcanzar o pH adecuado e obter un maior rendemento dos cultivos.

Na de ‘Manexo’ atoparedes outros dous estudos. Por unha banda, a veterinaria Carlota Antelo del Río incide na importancia da inxestión do costro e a adecuada transferencia da inmunidade pasiva para fortalecer o sistema inmunolóxico dos becerros. Por outro, Israel Flamenbaum (Cow Cooling Solutions) comparte a súa experiencia de implementación de sistemas de arrefriado de vacas en Italia.

OUTROS CONTIDOS

No apartado de ‘Saúde Podal’, o secretario da Asociación Profesional de Pedicultura Bovina (APPB), Emilio López, conta a historia desta unión de podoloxía bovina en España e Portugal. Na sección de ‘Formación’ abórdase a creación do campus virtual de Anembe e a programación de seminarios on-line e, na de ‘Opinión’, o gandeiro e responsable do sector vacún leiteiro de COAG Castela e León, Jorge Hernández, asina un artigo que leva por título “Noviercas, a bomba que arrasará todos os campos”.