A consulta o novo real decreto sobre controis oficiais en canto ao benestar animal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) iniciou o período de consulta pública do novo real decreto sobre os controis oficiais en materia de benestar animal que se ten que aplicar en España debido ao cambio na normativa da Unión Europea. 

Este novo real decreto aglutina varias modificacións da normativa actual e establece aspectos novos para a mellora dos mecanismos de control oficial, como unha rede de puntos de contacto para o intercambio de información entre as autoridades responsables para asegurar a coherencia e eficacia dos controis, a mesa nacional de coordinación sobre a protección dos animais para fins agrarios e para a acuicultura e, ademais, créase a figura do Centro de Referencia de Benestar Animal para dar apoio científico ao ministerio.

En canto ás obrigacións que se contemplan nesta nova normativa, os titulares das granxas terán que ter un plan de benestar animal para a súa explotación, que xa é obrigatorio no caso do porcino intensivo e das aves de curral.

Por último, o decreto inclúe unha mellora na redacción da normativa sobre xatos menores de seis meses e modifícanse todos os reais decretos sobre protección de animais nas granxas para que estean adaptados á normativa comunitaria segundo os prazos establecidos para enviar os informes que conteñen os resultados dos controis e outros aspectos técnicos administrativos.

A consulta desenvolverase desde o 23 de xuño ata o 13 de xullo na páxina web do ministerio, na seguinte ligazón.