Conecta Leche congregou a 200 gandeiros e persoal técnico do sector en Lugo

Este 18 de xuño, MSD Animal Health e Vaca Pinta celebraron a xornada Conecta Leche no Hotel Torre de Núñez de Lugo. O evento, iniciado ás 10:30 horas, reuniu preto de 200 persoas asistentes, entre gandeiros e persoal técnico do sector agroalimentario.

O evento, de organización multidisciplinar, puxo o foco na mellora da xestión das rutinas nas empresas dedicadas ao vacún de leite. A premisa «Da monitorización á mellora real da túa granxa» contemplou a influencia da recollida de información, da tecnoloxía e do seguimento continuo nos resultados obtidos.

Despois da benvida e da recollida de acreditacións, tivo lugar o relatorio "Do establo ao despacho: como xestionar unha granxa de leite de hoxe", a cargo de Carlos Sánchez, responsable de Tauste Ganadera. Nel, o gandeiro apuntou os principais desafíos e metas aos que se enfrontan os activos no marco actual do sector, así como de cara ao futuro.

Carolina Tejero, membro do grupo técnico en vacún de MSD Animal Health, tomou a remuda coa charla "Ningunha etapa se improvisa: modernización continua desde o primeiro día", a partir das 12:00 horas. A profesional fixo fincapé na relevancia de acompañar cada fase produtiva con datos e cun seguimento axeitado para previr problemáticas asociadas. Igualmente, Tejero salientou a funcionalidade de ambas as tarefas á hora de posibilitar unha mellor toma de decisións.

A partir das 13:00 horas, Ángel Revilla, director da Unidade de Negocio de Ruminantes de MSD Animal Health, moderou unha mesa redonda conformada por gandeiros das provincias da Coruña e Lugo. Os relatores foron Marcos Alvite, da Granxa Pazos, en Mazaricos; Román González, de SAT Prolesa, en Sarria; José Manuel Fernández, de SAT Busto Corzón, en Mazaricos, e Odón Castro, de SAT O Palomar, en Láncara. A través das súas experiencias persoais, relataron a evolución do sector en canto ás necesidades e oportunidades relacionadas coa monitorización do manexo dos animais na granxa.

Como peche do evento, as persoas asistentes compartiron unha comida na que se intercambiaron novas perspectivas profesionais desde os enfoques protagonistas dos relatorios: tecnolóxico, veterinario e gandeiro.