A guerra en Irán apunta a que impactará de cheo na campaña de millo e xa comeza a trasladar incerteza ao mercado dos fertilizantes. O sector observa con preocupación o encarecemento das materias primas, o impacto sobre a loxística internacional e o risco de que, se o conflito se prolonga, poidan xurdir problemas de subministración nas próximas semanas.
Catalina López, de Fertinagro, advirte da forte dependencia exterior en produtos clave para a fabricación de fertilizantes e subliña o peso de Oriente Medio no abastecemento de urea, xofre e amoníaco. Neste contexto, sinala que as dificultades de tránsito polo Estreito de Ormuz están a complicar a chegada de materia prima a España e poñen en dúbida que poida completarse a campaña con normalidade.
Na mesma liña, Alexandre Paz, de Fertiberia, destaca que o conflito está bloqueando rutas estratéxicas e encarecendo tanto a enerxía como as materias primas. Ao seu xuízo, se a situación se mantén no tempo, o mercado podería enfrontarse mesmo a escaseza de subministracións, polo que recomenda adiantar compras para evitar novas subas de prezo e posibles roturas de stock durante a campaña.
Desde Galical, Iago Domínguez introduce un matiz importante: no seu caso, a caliza prodúcese localmente e non depende da importación, pero aínda así a guerra si repercute de forma clara a través dos custos enerxéticos. Petróleo, electricidade e mercados de materias primas, explica, víronse tensionados desde o inicio do conflito.
Rodrigo Ardura, de Timac Agro, pon o foco na inestabilidade internacional e no papel de grandes zonas produtoras como Oriente Medio, India e Paquistán na subministración de materias primas como a urea, unha das máis utilizadas. Segundo apunta, ese escenario xa se está a traducir nun aumento de custos, aínda que na súa empresa aseguran ter previsto suficiente acopio para afrontar a campaña con estabilidade e manter os prezos aos seus clientes.
Tamén Laura Vázquez, de Delagro, considera que o primeiro efecto do conflito é unha subida de prezos ligada á incerteza do mercado. Porén, avisa de que, se a guerra se alonga, o problema podería ir máis alá e derivar en desabastecemento dalgunhas materias primas, cun novo repunte de prezos. Por iso, insiste na importancia de planificar con tempo as necesidades de abonado.
Desde Aresa, José Manuel Sánchez lembra que parte do gas utilizado para producir fertilizantes procede desta área xeopolítica, de modo que calquera alteración no transporte ou mesmo na subministración acaba tendo reflexo nos custos. Esa tensión internacional, sinala, pode acabar repercutindo directamente no prezo que paga o agricultor no campo.
Pola súa parte, Alberto Quiñoy, de Soaga, asegura que o impacto xa se está a notar especialmente nos fertilizantes nitrogenados, moi vinculados ao gas e sometidos ademais a unha forte demanda. Aínda que polo momento non aprecia graves problemas de dispoñibilidade, si recoñece que no sector comeza a falarse dunha posible perda de oferta se a situación empeora.
En conxunto, as empresas coinciden nunha idea central: o conflito en Irán xa está a presionar os prezos e engade un factor de incerteza nun momento clave para a campaña de millo. Polo de agora, o mercado segue funcionando, pero o temor a novas tensións na subministración leva ao sector a insistir na planificación e na anticipación das compras como mellor ferramenta para esquivar futuras complicacións.
A situación, en calquera caso, segue en evolución e cambia a diario: sen ir máis lonxe, a semana pasada Irán expuxo a posibilidade de permitir o paso de buques “non hostís” polo estreito. Por outra banda, para paliar o impacto nos petos dos españois, o Goberno aprobou un real decreto-lei de medidas extraordinarias para facer fronte ás consecuencias da guerra. Entre os insumos beneficiarios atópanse os fertilizantes: todos os agricultores que estean dados de alta nos rexistros de explotacións agrarias (reciban ou non axudas da PAC) poderán percibir esta axuda, cuxo orzamento ascende a 500 millóns de euros.