A VI Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, celebrarase do 25 ao 27 de febreiro de 2027 na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra). A decisión foi acordada a semana pasada polo Comité Organizador nun encontro no propio recinto feiral, no que tamén se revisaron os resultados da última edición e se avanzaron liñas de traballo para iniciar nas vindeiras semanas a promoción e comercialización do certame.
Os asistentes destacaron a feira como punto de encontro e espazo de negocio para o sector agropecuario, valorando de xeito positivo a evolución do público profesional. A cita de 2025 reuniu 508 firmas de 26 países e atraeu 19.813 visitantes, que participaron en máis de 40 actividades e coñeceron novidades nunha superficie bruta superior aos 25.500 m².