Canceladas as XVIII Xornadas Técnicas de Seragro previstas para novembro

Canceladas as XVIII Xornadas Técnicas de Seragro previstas para novembro

En vista da imposibilidade de prever a evolución da pandemia da COVID-19, dende Seragro SCG comunican a suspensión das XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se ían celebrar os días 12 e 13 de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo.

No seu comunicado, a cooperativa asegura que "o comité técnico designado para a organización desta edición traballou para elaborar un interesante programa técnico con temas de indubidable interese para o sector produtor de leite" e todos os membros de Seragro estaban moi ilusionados coa celebración das xornadas, que este ano chegarían á súa maioría de idade. Por iso, sosteñen, "tomar esta decisión non foi fácil".

Na nota de prensa feita pública esta mañá, engaden: "A realidade é que a pandemia da COVID-19 que está a asolar o mundo e que chegou a España hai un par de meses condiciona de maneira determinante a nosa vida actual e todos aqueles actos que se poidan celebrar nos vindeiros meses. Pese a que semella que pasamos os momentos máis graves da crise, a imprevisibilidade da súa evolución e as diferentes medidas que se van tomando para o seu control fan que non sexamos capaces de entrever, a seis meses vista, un marco idóneo para a celebración dun evento de marcado carácter técnico, pero tamén cun compoñente social moi importante ao que non queremos renunciar".

Non obstante, as XVIII Xornadas Técnicas xa teñen nova data: serán os días 11 e 12 de novembro de 2021, se para esa data se dan as circunstancias idóneas qeu permitan a celebración e desfrute deste evento. Desde Seragro confían en que así sexa.