O consumo de leite en España descendeu case un 30 % desde o ano 2000, aínda que os expertos recomendan seguir tomando leite de vaca polas súas propiedades nutritivas e os beneficios que achega se non existe un problema de saúde, como intolerancia ou alerxia.
Ante esta realidade, e con motivo do Día Mundial do Leite, que se celebra hoxe, Bayer puxo en marcha por terceiro ano consecutivo a campaña #EsLaLeche para promover o consumo deste alimento entre a poboación, dando a coñecer as súas bondades nutricionais, e apoiar o sector do vacún de leite. Neste sentido distintas entidades, entre elas a Fundación Diferencia2, promoven a produción do denominado leite A2, un tipo de leite que polas proteínas que contén podería tolerarse mellor que o leite A1, que actualmente é o que máis produción xera en España.
Estas son algunhas das conclusións dos expertos consultados por Bayer sobre o consumo de leite:
Bárbara Romano, especialista en Nutrición Humana e Dietética do Hospital Clínic de Barcelona: “Dentro dunha dieta saudable e equilibrada é importante manter o consumo de leite e lácteos porque son unha boa fonte de calcio biodispoñible, é dicir, que o corpo humano absorbe moi ben grazas tanto á lactosa que contén como á vitamina D. Cabe destacar que é un alimento moi completo porque achega unha gran variedade de nutrientes: hidratos de carbono –en forma de lactosa–, graxas, proteínas de boa calidade, minerais (calcio, potasio, fósforo etc.) e tamén vitaminas A, B12 e D”.
José Vicente Arcos, pediatra especialista en Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición do Hospital Sant Joan de Déu: “Diversos estudos demostran que o consumo dunha cantidade suficiente de produtos lácteos durante a infancia podería reducir o risco de osteoporose ao aumentar a adquisición de masa ósea co crecemento, diminuír a perda ósea coa idade e reducir as fracturas por osteoporoses, sobre todo en mulleres, aínda que tamén é verdade que outros estudos reflicten que é o exercicio físico o determinante fundamental da acreción ósea”.
Gerardo Caja, catedrático de Produción Animal da Facultade de Veterinària da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB): “As caseínas son proteínas ricas en calcio e fósforo, moi dixestibles e de alto valor nutritivo que, unha vez dixeridas, usamos para construír as nosas proteínas corporais. As diferenzas entre caseínas débense á cadea de aminoácidos que as compoñen (unhas 200) e á orde na que se dispoñen nela. Dentro das β-caseínas existen as variantes A1 e A2”.
Josep Mallo, veterinario especialista en calidade do leite en Lleidavet S.L.P.: “Os procesos de control e revisión tanto do leite como das vacas produtoras son moi estritos. Para obter unha boa calidade do produto en primeiro lugar hai que priorizar o benestar animal, saber como tratalo, como alimentalo e como muxilo. Por iso, ademais de realizar programas de formación no persoal das granxas de leite, levamos a cabo unha exhaustiva revisión das salas de muxido, analizamos as dinámicas de infeccións que hai nas explotacións e asesoramos sobre temas de hixiene”.
Mireia Campàs, Brand Manager de Área de Animais de Granxa de Bayer e responsable do Servizo Técnico, afirma que o obxectivo da campaña é “difundir o gran labor que fan gandeiros e veterinarios para que cada día poidamos ter nos nosos fogares leite de calidade”, e indica os diferentes retos aos que se enfronta o sector do vacún de leite en España. “Por unha banda, teñen que satisfacer a demanda da sociedade de producir distintos tipos de leite en función das necesidades de cada individuo e, por outro, mellorar o benestar animal nas explotacións e o uso racional de antibióticos. En Bayer queremos estar a carón de veterinarios e gandeiros e, por iso, estamos a traballar en diferentes proxectos baseados na mellora da sanidade e o benestar animal nas granxas de vacún de leite”, conclúe.
Para consultar a nota de prensa íntegra de Bayer, fai clic aquí.