Aresa e a USC abren o prazo de recepción de candidaturas á edición 2021 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rura

  • Ambas entidades firmaron esta mañá de maneira telemática o convenio que dá inicio a unha nova convocatoria do Premio.

 

O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que dá comezo a edición do ano 2021 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, nesta ocasión, de maneira telemática.

Esta firma significa o inicio dunha nova convocatoria deste galardón co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS

Tras a sinatura deste convenio, a presentación de candidaturas pode realizarse xa nos rexistros, tanto físico como electrónico, dos campus de Lugo e Santiago de Compostela dende hoxe mesmo ata o 14 de xaneiro de 2022.

O Premio Aresa 2021 consta, como vén sendo habitual, dun diploma de mérito e dunha dotación económica de 10.000 euros.

PREMIADOS ANTERIORES  

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019) e Cooperativa A Carqueixa que resultou gañadora do premio na edición de 2020.