EDITORIAL

Achegar o noso granciño (de millo)

Achegar o noso granciño (de millo)
Ás veces, cando falamos do futuro do sector lácteo, facémolo desde grandes conceptos: innovación, sostibilidade, eficiencia ou remuda xeracional. Porén, en moitas ocasións ese futuro faise visible en momentos concretos, en encontros onde profesionais, técnicos, estudantes e gandeiros poñen en común experiencias e inquedanzas. Iso foi precisamente o que puidemos comprobar na recente Xornada Técnica Africor Lugo-Vaca Pinta.

Nesta edición, volvemos reunir no auditorio da Facultade de Veterinaria un bo número de profesionais vinculados ao vacún de leite. Alí puidemos afondar en cuestións técnicas que afectan o día a día das ganderías, pero tamén constatar que o sector ten continuidade, tanto desde o punto de vista técnico coma humano.

Vimos mozos gandeiros con ganas de seguir no oficio, de profesionalizalo aínda máis e de dotalo de valor. Tamén comprobamos como novas xeracións de técnicos se aproximan ao vacún leiteiro dispostas a achegar coñecemento. Un bo exemplo foron as tres veterinarias que recibiron na xornada os premios aos mellores traballos de fin de grao, un recoñecemento que pretende poñer en valor o talento que se está formando nas nosas facultades e que será clave para garantir a renovación dos servizos técnicos que acompañan as granxas.

A xornada tamén contou coa presentación do novo libro de Juan Pascual, no que defende a importancia da proteína de orixe animal e do propio sector gandeiro, unha iniciativa que convida a reflexionar sobre a necesidade de explicar mellor o que facemos e por que o facemos, ao tempo que nos lembra que a defensa do sector non se xoga só nos grandes debates públicos, senón tamén en pequenos xestos cotiáns.

De feito, ese mesmo día vivimos unha anécdota que ilustra ben esta idea. Como adoita ocorrer cos relatores que veñen de fóra de Lugo, desde a organización reservámoslles habitación nun céntrico hotel da cidade. Ao chegar ao auditorio, como bos anfitrións, preguntámoslles que tal fora a súa estancia. “Todo ben” —dixéronnos— “… agás por un detalle”. Un deles mostrounos no seu teléfono unha foto do cartel do catering do almorzo do hotel, onde se ofrecía “iogur vexetal”. Comentounos que, no caso do leite líquido, a diferenza entre leite e bebidas vexetais estaba correctamente indicada, pero non acontecía o mesmo co iogur.

Ao finalizar a xornada achegámonos ao hotel para aboar as habitacións e aproveitamos para comentar o asunto. Desde o establecemento pedíronnos desculpas e aseguráronnos que corrixirían a nomenclatura no futuro. De feito, explicáronnos que algo semellante xa ocorrera anteriormente coa diferenciación entre leite e bebidas vexetais, e que, tras o aviso dun hóspede habitual, técnico dunha empresa de alimentación animal, procederan a modificala. Pode parecer un detalle menor, pero non o é, xa que nos lembra que todos podemos achegar o noso gran de area para explicar e defender o valor dos produtos lácteos e o traballo que hai detrás deles.

Volvendo a este número, nas páxinas que seguen atoparedes unha crónica detallada da última Xornada Técnica Africor Lugo-Vaca Pinta, así como entrevistas con varios dos relatores que participaron nela. Por outra banda, visitamos a Gandería Lobeiro (Melide, A Coruña), repasamos os resultados das poxas e concursos máis recentes, deixámosvos unha crónica da cerimonia de entrega do XXVI Premio Aresa e informamos dos últimos vídeos dispoñibles en Vaca TV.

Ademais, estreamos unha nova sección, “A debate”, coa que queremos coñecer a opinión dos nosos lectores sobre temas de actualidade; nesta primeira entrega, preguntámosvos pola valoración que facedes das medidas adoptadas fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC)… contádenos o que pensades!

A segunda metade da revista volve estar marcada polo contido técnico. Como cada mes de marzo, dedicamos un amplo especial á sementeira do millo forraxeiro, con artigos en profundidade e o noso xa tradicional apartado “A voz do técnico”, no que temos a fortuna de contar cunha vintena de profesionais do sector para analizar os principais retos do cultivo.

Gozade da lectura, pero tomádea con calma: xa vedes que esta Vaca Pinta vén especialmente cargada.