DANIEL MARTÍNEZ BELLO, NOVO PRESIDENTE DE ANEMBE

“Anembe ten unha razón de ser e un cometido, que é a formación”

Daniel Martínez Bello acaba de asumir a presidencia da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) tras varios anos formando parte da súa xunta directiva e unha relación moito máis longa coa entidade a través dos seus congresos e actividades formativas. Veterinario especializado en reprodución bovina e tecnoloxías embrionarias desde o inicio da súa carreira, chega ao cargo con varios obxectivos sobre a mesa: manter o nivel alcanzado polo Congreso Internacional de Anembe, impulsar a nova Academia e estreitar a relación da asociación coas novas xeracións de veterinarios. Con el repasamos tamén os principais cambios e desafíos que afronta actualmente a profesión. Máis en Vaca Pinta 61.

Acabas de asumir a presidencia de Anembe. Como afrontas esta nova etapa?

Para min é unha honra, pero tamén unha responsabilidade grandísima. O meu traballo implica dar servizo en toda a península ibérica e o concepto de tempo libre practicamente non existe, así que o tempo que require Anembe hai que sacalo das actividades que xa temos.

Unha das primeiras decisións é intentar que a xunta sexa moito máis horizontal. Os presidentes anteriores dedicaron moitísimo tempo e moitas cuestións recaían sobre eles. Queremos que o presidente manteña unha función representativa e institucional, pero que o traballo estea moito máis repartido entre todos os membros. Existe ese compromiso por parte dos compañeiros e creo que así podemos afrontar todos os proxectos que temos formulados.


“Hai que intentar atraer os veterinarios novos e conseguir que algúns se involucren no mundo das vacas”

Que liñas de traballo serán prioritarias durante o teu mandato?

Hai liñas que xa estaban en marcha e outras que arrancan precisamente agora. Fágase o que se faga, o intocable é o Congreso. É case a razón de ser de Anembe e debemos conseguir que manteña o nivel de interese, asistencia, calidade científica e rigor que alcanzou, xunto con esa parte de networking, exposición comercial e encontro entre veterinarios de distintas xeracións.

A seguinte prioridade é a Academia Anembe. O proxecto aprobouse hai un ano e agora estanse realizando as xestións administrativas para a construción das instalacións, mentres en paralelo desenvolvemos os seus contidos. A nosa intención é comezar a impartir algúns cursos durante 2027, mesmo con independencia de que o edificio estea completamente rematado.

Tamén queremos potenciar as comunicacións orais do Congreso, porque, ademais de traer os mellores relatores internacionais, debemos dar cabida aos veterinarios que están facendo traballos interesantes en España. E hai outra liña moi importante, que é a captación de talento novo. Temos un problema de remuda xeracional na veterinaria de campo de vacas e cremos que Anembe ten que achegarse aos estudantes e axudalos a dar os seus primeiros pasos dentro da profesión.

Para iso, dentro da xunta estase traballando tamén nun grupo específico orientado a captar talento novo e buscar fórmulas para chegar aos alumnos dos últimos cursos das facultades. A intención é que coñezan Anembe mesmo antes de incorporarse ao mercado laboral e poidan atopar na asociación un nexo cos distintos equipos veterinarios e coa profesión de campo.

Unha vida profesional ligada á reprodución bovina

Daniel Martínez Bello tiña clara a súa vocación veterinaria moito antes de chegar á universidade. “Non tiña un plan B, era veterinario ou veterinario”, lembra. Durante os seus estudos na Facultade de Veterinaria de Lugo, que rematou en 1993, unha charla sobre transferencia embrionaria espertou o seu interese pola reprodución. Incorporouse como alumno interno ao departamento desta especialidade e comezou a orientar cara a ela a súa carreira.

A súa primeira oportunidade profesional chegou ese mesmo ano na Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos, unha das pezas do programa de mellora xenética impulsado en Galicia. Martínez Bello permaneceu alí durante 19 anos, unha etapa na que compaxinou o traballo en tecnoloxías reprodutivas con responsabilidades no programa biosanitario, a clínica dos animais e a dirección de equipos técnicos e de granxa.

Foron tamén anos de introdución e desenvolvemento dunhas técnicas embrionarias que aínda tiñan unha presenza limitada en España. Na súa formación tivo especial importancia o veterinario canadense Denis-Pierre Ménard, con quen traballou durante anos. “Tocounos bastante facer de punta de lanza”, sinala sobre unha época na que a transferencia embrionaria foi estendéndose progresivamente desde os centros especializados ata as propias ganderías.

Aquela etapa permitiulle ademais participar en viaxes de selección xenética e manter contacto con profesionais e empresas de distintos países, unha dimensión internacional que continuaría desenvolvendo posteriormente nos Estados Unidos, o Canadá, Europa e América do Sur.

O peche da Unidade de Bos en 2011 abriu unha nova etapa profesional. Xunto con outros socios, puxo en marcha Embriovet e Embriomarket e ampliou o seu ámbito de actuación a toda España e Portugal. Nos anos posteriores afondou especialmente na fecundación in vitro, con experiencias profesionais e formativas en distintos países. En 2016 completou ademais o seu doutoramento, antes de dar un novo paso no desenvolvemento destas tecnoloxías.

Así mesmo, participou nun proxecto de fecundación in vitro en La Seu d’Urgell, que lle permitiu seguir afondando nesta técnica antes de trasladar esa experiencia a Galicia.

En 2018 puxo en marcha o seu propio laboratorio de fecundación in vitro en Galicia. Actualmente, o equipo está formado por oito persoas e conta con dous laboratorios móbiles e un laboratorio de FIV vinculado á rede de Boviteq, do Canadá. O proxecto máis recente trátase dunha unidade específica de doantes en Mesía, concibida como un “hotel de doantes” no que os animais poidan permanecer varios meses para desenvolver programas reprodutivos de forma intensiva.

A esta actividade suma unha ampla traxectoria docente en cursos e programas de posgrao e a súa vinculación con Anembe, onde participou en actividades formativas, no Congreso Mundial de Buiatría de Madrid de 2022 e, durante os últimos anos, como membro da súa xunta directiva ata asumir agora a presidencia.

Precisamente, no Congreso Mundial de Buiatría de 2022 formou parte do comité científico e moderou os relatorios relacionados con reprodución e tecnoloxías embrionarias, unha experiencia que reforzou aínda máis a súa relación coa asociación antes de incorporarse aos seus órganos de dirección.

A Academia nace precisamente para responder ás carencias prácticas que detectades entre os veterinarios novos?

Si. Hoxe existe moitísima oferta formativa. O problema aparece cando analizas que achega realmente. A teoría é relativamente fácil de ofrecer; o difícil é a práctica.

Comprobámolo no curso de especialización en reprodución de Anembe. Cada vez era máis complicado manter acordos con ganderías para desenvolver prácticas porque requiren tempo, dispoñibilidade de profesionais e suficientes animais para que os alumnos poidan traballar de verdade.

Ese é o xerme da Academia. A idea é desenvolver cursos curtos, moi prácticos, para que un veterinario poida exercitar unha técnica antes de atoparse só no campo fronte ao seu primeiro cliente. En veterinaria non abonda con probar unha cousa unha vez. Hai que repetila e adquirir confianza. Queremos axudar a crear esa base sobre a que despois cada profesional poida seguir medrando.

Ademais, a formación ten outra vertente que para min é moi importante: obriga tamén a quen ensina a revisar e ordenar os seus propios coñecementos. Non dominas realmente unha materia ata que tes que explicarlla a outros dunha maneira clara e rigorosa. Preparar unha formación obrígate a ler, repensar cousas e detectar as túas propias carencias, polo que moitas veces aprende tanto quen imparte o curso coma quen o recibe.


“O Congreso ten que seguir sendo un punto de reunión de veterinarios de todas as xeracións”

Falas de falta de remuda. Cales dirías que son hoxe as principais preocupacións dos veterinarios de vacún?

Se a actividade non está resultando atractiva para as novas xeracións é porque hai cuestións que tamén pesan sobre os profesionais que xa están traballando. Cando o volume de traballo é excesivo, o descanso é escaso e as condicións se complican, acaba producíndose desgaste.

Polo que vexo no meu traballo e polo que transmiten outros compañeiros, un dos aspectos que máis pesa é a presión burocrática e a pouca marxe que existe ás veces para desenvolver un traballo técnico aplicando todo o que sabemos. A isto súmanse unhas condicións laborais tradicionalmente esixentes.

Evolucionouse moito desde o veterinario que traballaba só e asumía gardas practicamente as 24 horas cara a equipos organizados, con quendas, vacacións e maior posibilidade de conciliación. O problema é que, se non chega xente nova, resulta moi difícil completar eses equipos e facer efectiva esa remuda.

Ao mesmo tempo, o traballo do veterinario de granxa é cada vez máis amplo. Está cambiando o propio concepto da profesión?

Si, porque evoluciona ao mesmo tempo que o mundo gandeiro. Se botamos a vista atrás 30 anos, hoxe os veterinarios están realizando traballos que daquela nin sequera existían. A dixitalización, o manexo de datos e a robotización xeraron novas formas de traballar.

Segue sendo veterinaria, pero aplicando coñecementos e ferramentas que se desenvolveron durante as últimas décadas. Pasamos dunha concepción moi centrada no veterinario xeneralista e clínico a moitas especialidades e a profesionais que combinan diferentes áreas. Todo iso está agora envolto no mundo da dixitalización e do dato. Ao final hai que adaptarse a esa evolución.

Que papel pode ter nese proceso a intelixencia artificial?

Cústame imaxinar un ámbito no que non vaia influír. Xa permite acceder a información, axilizar determinadas tarefas ou elaborar informes despois das visitas en moito menos tempo, de maneira que podemos facer máis traballo e achegar máis valor ao gandeiro.

Pero non vai substituír o veterinario. Para utilizar ben a información que ofrece a intelixencia artificial necesitas coñecemento, experiencia e criterio profesional. Eu véxoa como unha ferramenta máis. No seu momento chegaron o termómetro, o fonendoscopio, o ecógrafo ou as analíticas; agora temos unha tecnoloxía que pode axudarnos a integrar unha enorme cantidade de información. Hai que aprender a utilizala.


“A intelixencia artificial non vai substituír o veterinario, pero hai que aprender a utilizala”

Outro dos grandes debates dos últimos anos foi a redución do uso de antibióticos. Como valoras a evolución realizada polo sector?

Os datos oficiais mostran que a redución do uso de antibióticos en gandería durante os últimos anos foi enorme. A iso contribuíu a normativa, pero tamén a concienciación dos propios veterinarios. O camiño cara a un uso racional está trazado e non ten marcha atrás.

O que reclamamos é que se entenda que veterinarios e Administración estamos na mesma dirección. Cando desde Anembe e outros colectivos se cuestionan aspectos do Real Decreto 666/2023 non se está pedindo barra libre para os antibióticos, senón unha normativa coherente coa realidade do traballo de campo e que respecte o criterio profesional, que xa é o dun uso responsable.

Tamén existe preocupación pola difusión de determinadas mensaxes sobre a gandería que non sempre contan con apoio científico. O sector debe mellorar a súa comunicación?

Si. Unha parte cada vez maior da sociedade está afastada do medio rural e moitas veces triunfa o relato máis fácil ou sensacionalista. Desde as interprofesionais, asociacións de produtores e organizacións veterinarias facemos esforzos de comunicación, pero, con frecuencia, falamos cara a dentro, a persoas que xa están convencidas.

Creo que debemos atopar unha forma de trasladar mellor a información científica fóra do propio sector e chegar a esa sociedade máis urbana. Non é sinxelo cambiar tendencias sociais, pero si debemos traballar para que cuestións coma o consumo de produtos de orixe animal, o benestar ou o impacto ambiental se poidan debater sobre información rigorosa.

En maio de 2027 chegará o teu primeiro Congreso de Anembe como presidente. Que podedes adiantar?

Celebrarase do 26 ao 28 de maio en Palexco, na Coruña. Manterá inicialmente a estrutura habitual, coas sesións científicas, os simposios de empresas e as diferentes áreas temáticas, aínda que estamos traballando en novidades relacionadas co talento novo e coa Academia que poidamos incorporar xa ao Congreso.

Recibimos un legado moi importante das xuntas anteriores. O Congreso foi aumentando a súa participación e temos a responsabilidade de mantelo. Unha das súas claves é dispoñer dun programa científico independente, cun comité que propón temas e relatores de calquera parte do mundo que sexan referentes en cada especialidade.