Alberto Cepeda Sáez ingresa na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia como académico correspondente nacional

O catedrático de Nutrición Humana e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Alberto Cepeda Sáez formalizou esta tarde o seu ingreso como académico correspondente nacional en ciencias afíns. No acto, que tivo lugar na facultade de Veterinaria de Lugo, o novo membro da Real Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia (RACVG) deu lectura ao seu discurso de ingreso, titulado “Leite A2: perspectivas, propiedades tecnolóxicas e efectos na saúde humana. Invención ou realidade?”.

Ademais de ofrecer unha actualización sobre os efectos que ten a inxestión deste tipo de leite na saúde humana, Cepeda abordou os aspectos máis relevantes que se deben ter en conta para coñecer e entender a representatividade que ten hoxe en día a produción e o consumo de leite A2 en Galicia.

En concreto, expuxo os resultados tras comparar leites convencionais (A1A2), que levan á xeración no sistema dixestivo de ß-casomorfina-7 (ßCM7), con leites A2. Dita comparativa buscaba estudar a implicación que ten a inxestión do péptido ßCM7 na aparición ou potenciación de diversas problemáticas gastrointestinais (intolerancia láctea e alerxias), neurolóxicas (autismo) e cardiovasculares para a saúde humana.

Neste sentido, o catedrático subliñou a evidencia dos “efectos negativos da presenza de ßCM7”, os cales se fan máis evidentes cando a permeabilidade da barreira intestinal está diminuída, situación que ocorre, por exemplo, co intestino inmaduro da primeira infancia ou se se padece síndrome de Crohn, colites ulcerosas, colon irritable, pólipos precancerosos, cáncer colon rectal ou intolerancias alimentarias (como ao disacárido lactosa). En contrapartida, e aínda que, tal e como subliñou Cepeda, todavía faltan moitos estudos de verificación e comprobación, esta sintomatoloxía negativa non se fai patente co consumo de leites tipo A2, onde o sistema dixestivo non xera ßCM7.

No que se refire ao ámbito tecnolóxico, aínda que as primeiras investigacións apuntaban a que as propiedades de coagulación do leite tipo A2 eran inferiores ás do leite convencional, hoxe en día xa existen no mercado produtos derivado do leite tipo A2 moi ben aceptados polo consumidor. Por iso, “cabe aventurar que en 15 ou 20 anos todo o leite producido en Galicia podería ser do tipo A2 e, de feito, xa estamos vendo a numerosos gandeiros migrar cara a produción deste tipo de leite; o beneficio económico e a diferenciación do produto está xa clara”, apuntou o novo académico da RACVG na súa disertación.

O académico de número Carlos Franco Abuín será o encargado de pronunciar a contestación do discurso de ingreso de Sáez. Finalmente, o presidente pechou a sesión dándolle as grazas ao novo académico.