AIRA encadea tres exercicios de crecemento e pecha as contas de 2020 cunha facturación de 125 millóns de euros

A cooperativa AIRA celebrou este mércores, 24 de novembro, a súa asemblea anual, logo de que a covid-19 obrigara a atrasar a xuntanza cos socios ata o de agora. A entidade agraria presentou os resultados económicos dos últimos dous exercicios que amosan un crecemento de máis do 25% dende o proceso de integración realizado en 2018. “Medramos tódolos anos a un ritmo sostible, por encima do 8 % nestes dous últimos exercicios e fixémolo en tódalas áreas”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

A cooperativa lucense pechou 2020 cunha facturación de 125 millóns de euros e cun crecemento do 8,5%. Mentres, no 2019 AIRA acadou unha facturación de 115 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 8,9 %. O volume de facturación acadado, fronte ós preto de 98 millóns que manexaban no 2017, é un dos claros indicativos da consolidación do proxecto de integración iniciado hai tres anos. “Non medramos a base de subir as marxes de beneficio dos produtos, senón que incrementamos a facturación porque aumentamos o volume de actividades e servizos prestados, o que nos permite ser máis competitivos e xerar mellores resultados”, detalla Ferreiro.

Na asemblea, que tivo lugar no polideportivo de Taboada e estivo condicionada polas medidas de prevención da covid-19, tamén se aportaron outros datos económicos como o nivel de EBITDA, é dicir os beneficios brutos antes da dedución dos gastos financeiros e tributarios, onde AIRA acadou os 4,7 millóns de euros no 2020.

AIRA consolídase como entidade dentro do mundo agrario, non só polo volume de negocio, senón polas oportunidades que xera no mundo rural, con máis de 250 postos de traballo directos e os servizos que presta a máis de 2.500 socios en 86 concellos de Galicia. “Máis salientable que o propio crecemento en facturación é que medramos en volume de actividade en tódalas áreas: na comercialización e nas actividades e servizos que desenvolvemos”, destaca Ferreiro.