A Asociación de Gandeiros e Agricultores Agromuralla mostrou a súa disconformidade coas condicións que as industrias lácteas están a trasladar aos produtores de cara á renovación dos contratos do leite. A organización critica que, tras a baixada aplicada no pasado mes de marzo, a maioría das empresas manteñan agora os prezos sen cambios, a pesar de que os custos de produción continúan en niveis elevados. Segundo sinalan, Naturleite é a única industria que propón unha suba, cun contrato de cinco meses no que mantén o prezo durante os tres primeiros e incrementa dous céntimos por litro nos dous últimos.
“Non entendemos que, estando os custos de produción tan altos, os prezos do leite non se equilibren”, afirma a presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez. A asociación advirte, ademais, de que as previsións para os próximos meses non apuntan a unha redución dos gastos das explotacións, especialmente ante un verán seco que pode repercutir negativamente na colleita de forraxes. Neste contexto, consideran que a rendibilidade das granxas pode verse aínda máis comprometida e acelerar o abandono da actividade.
Agromuralla lembra tamén que diversos indicadores dos mercados lácteos veñen rexistrando unha recuperación nas últimas semanas. Entre outros datos, cita a subida anunciada por FrieslandCampina para agosto, ata os 46,21 €/100 kg, así como a evolución positiva de produtos lácteos como a manteiga, o leite en po ou o queixo cheddar no Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea. A asociación tamén fai referencia ao mercado italiano, onde o leite spot alcanzou recentemente os 50,52 €/100 litros.
A organización advirte igualmente da baixada do volume de produción que, segundo indica, se vén producindo desde abril e teme que esta tendencia continúe se non mellora a rendibilidade das granxas. Finalmente, a asociación denuncia que boa parte das industrias non estarían a presentar as ofertas de renovación coa antelación prevista na normativa do paquete lácteo, o que, ao seu xuízo, limita a capacidade de negociación dos gandeiros.