Agromuralla denuncia a "trampa" da rebaixa do IVE do leite e o desconto no gasóleo para os gandeiros

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia que algunhas das medidas aprobadas polo Goberno central para facer fronte á inflación supoñen "unha trampa para as explotacións leiteiras". Como consecuencia da rebaixa do IVE do leite do 4 % ao 0 %, as empresas están deixando de pagar este imposto aos gandeiros nas súas facturas pola compra do leite, mentres que as explotacións teñen que seguir pagando dito imposto nas súas adquisicións, sen ter posibilidade de compensalo nas declaracións trimestrais coas cantidades cobradas por este concepto.

Esta medida tamén supón unha "discriminación entre explotacións", tal e como afirman dende Agromuralla, xa que a aplicación da rebaixa do IVE vai depender do réxime no que se atopen encadradas á hora de determinar o rendemento da súa actividade. Esta situación de IVE ao 0 % só afecta ás explotacións que están en Estimación Directa, un sistema ao que están obrigadas aquelas que facturan máis de 250.000 euros ao ano. Pola contra, as explotacións que permanecen no sistema de Módulos, moitas veces ganderías pequenas, seguirán cobrando o IVE pola venda do seu leite.

Ao igual que no caso da rebaixa deste imposto ao leite, o sistema escollido para o mantemento da bonificación de 20 céntimos por litro ao gasóleo agrícola supón "que os gandeiros teñamos que adiantar os cartos", denuncia Agromuralla, xa que a axuda concederase aos agricultores que exerzan o seu dereito á devolución das cotas do Imposto Especial de Hidrocarburos. Esta devolución poderase solicitar a partir do vindeiro 1 de abril, pero non se cobrará até o 2024.