Agromuralla alerta sobre a situación crítica das explotacions de leite galegas polas subas da luz, os pensos e os abonos

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla califica de crítica a situación pola que atravesan a maioría das explotacións leiteiras galegas debido á "suba desproporcionada" que nos últimos meses se está a producir en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando ou o recibo da luz e esixe ás Administracións "que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia". 

O presidente de Agromuralla, Roberto López, denunciou a actitude da Xunta e do Ministerio ante a situación das ganderías que, na actualidade, e cos prezos que pagan as industrias, non cobren os custos de produción.

Por iso, urxe a que tanto a Xunta como o Ministerio interveñan para que o prezo que cobran os produtores sexa xusto e permita "vivir con dignidade no rural". López alertou, así mesmo, de que "Galicia non se pode permitir que cada día siga pechando unha explotación de leite, porque as ganderías de leite somos o motor do rural galego". 

No último ano os custos das explotacións disparáronse como consecuencia do forte encarecemento dos pensos e outros insumos para alimentación do gando, que subiron máis dun 30%, así como os abonos e os plásticos dos silos. A isto sumouse o encarecemento do recibo da luz, a raíz do cambio tarifario aplicado o pasado mes de xuño, que fixo subir a factura eléctrica das explotacións (unha granxa cun robot de muxido está a pagar agora 200 euros máis ao mes que antes da introdución dos tramos horarios). 


Unha granxa cun robot de muxido está a pagar agora 200 euros máis ao mes que antes da introdución dos tramos horarios

Todas estas subas están a afectar á rendibilidade das explotacións e a facer que non se cumpra a legalidade vixente, xa que a Lei da Cadea Alimentaria, logo da súa última modificación, establece que os prezos que cobran os produtores primarios polos seus produtos deben cubrir obrigatoriamente os seus custos de produción.

Así mesmo, a asociación expresou a súa preocupación ante a renovación dos contratos en agosto, xa que están chegando propostas con prezos de 29,5 céntimos que “incumpren claramente a Lei da Cadea Alimentaria". O estudo de custos que acaba de aprobar o Ministerio establece os custos de produción das explotacións entre os 32 e os 38 céntimos, cunha media de 35 céntimos, “polo que ofertas que cheguen por baixo desas cantidades son claramente ilegais", denuncian.

Tamén no que se refire a ese estudo de custos, a Agromuralla criticou a modificación inicial do cálculo para a introdución das medias de 2018 e 2019, anos nos que as materias primas de alimentación estaban máis baixas, o que supón “distorsionar o estudo, que non se axusta á realidade nin ten en conta a suba actual dos pensos".