Agromuralla advirte que os tractores salirán ás rúas se non se adoptan medidas ante "a situación insostible" dos custos de produción

Foto de arquivo das protestas de 2015

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla reta con saír cos tractores á rúa ante a "situación insostible" que viven os produtores de leite como consecuencia da "suba desmesurada" dos custos de produción.

"Este ano, desde o mes de xaneiro, o que nos custa producir disparouse, coas subas actuais no recibo da luz e o gasóleo e o incremento que se está dando nos pensos e as materias primas, pero o que nos pagan polo leite non se moveu e non nos dá para pagar os gastos, polo que estamos perdendo cartos todos os meses", asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que esixe ás Administracións públicas "medidas urxentes inmediatas para garantir un prezo digno e xusto aos produtores de leite e que evite o peche en cadea das explotacións". 

O novo presidente de Agromuralla demanda a "implicación directa" tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura e vén de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para que coñeza de primeira man a situación do sector e analizar os protocolos da covid-19 de cara ás distintas accións de protesta. No escrito, presentado esta semana, Agromuralla dá un prazo dunha semana para a celebración da reunión e advirte que "no suposto de que non teñamos resposta, adoptaremos as medidas que consideremos máis oportunas para a defensa dos intereses do sector".

A asociación Agromuralla explica que "o prezo do leite leva anos conxelado mentres os custos de produción non deixaron de medrar, especialmente neste último ano" e lembra que "a Ley da Cadea Alimentaria aprobada polo Ministerio de Agricultura obriga a que os prezos en orixe dos alimentos se adapten ao que custa producilos".