Afriza organiza un ano máis as Xornadas de Portas Abertas do Sector Lácteo

Motivados pola necesidade de promocionar o consumo de leite e de achegar á cidadanía a situación do sector lácteo, a Asociación Frisona Independente de Zamora (Afriza) puxo en marcha un ano máis as Xornadas de Portas Abertas do Sector Lácteo na súa provincia.

Mediante esta iniciativa explican, grazas a gandeiros, veterinarios e nutricionistas, de forma sinxela e directa, cómo se desenvolve o traballo diario nunha granxa e transmiten a importancia do sector como fixador de poboación e de tecido económico nas aldeas e como axente esencial no mantemento do medio ambiente a través dunha agricultura sustentable e respectuosa.

O próximo 1 de xuño celebrarase o Día Mundial do Leite e todos os actos da campaña levaranse a cabo ao redor deste día. Para comezar, a primeira das visitas tivo lugar onte na gandería La Sielma, de Monfarracinos. A seguinte será este xoves 25 de maio na Ganadería Malillos, de Andavías, e terminarase o luns 5 de xuño con outra excursión á nova fábrica de Gaza e á Granxa Rote, de Toro.