O día 27 de abril, no marco na asemblea xeral da asociación, Africor Lugo fará entrega dos recoñecementos ás mellores ganderías da provincia seguindo un criterio de méritos en distintas categorías, tratando de salientar aquelas que traballan pola súa mellora no día a día na busca duns animais máis rendibles para a produción de leite e á vez máis lonxevos, que permitan producir leite de boa calidade durante moito tempo.
Por media de cualificación, a premiada é Casa de Baixo (Sarria), cunha media de 88,2 puntos; por media de produción, a distinción será para Casa Crespo (Lugo), con 14.419 kg/vaca, e por media de índices xenéticos, a gandería que obtivo a mellor puntuación foi Casa Cochero (Guitiriz), cun ICO de 2.657 puntos.
A maiores están as consideradas mellores ganderías da provincia, que destacan nos tres aspectos anteriores: cualificación, produción e índices xenéticos. Ademais deben ter un intervalo entre partos e un reconto celular non superior á media da provincia. Con estes requisitos, as premiadas este ano son: Maseda (Pol), Casa de Baixo (Sarria), Tío Andrés (Sarria), Casa do Rego (Láncara), Vilar de Susao (Sarria), Carreira (O Incio), Granja Sara (Lugo) e SAT Lodos e Pérez (A Pastoriza).