Non haberá concurso frisón durante a Semana Verde de Galicia 2018

Non haberá concurso frisón durante a Semana Verde de Galicia 2018

A Federación de Frisona Galega (Fefriga) e a Fundación Semana Verde de Galicia acordaron organizar o concurso morfolóxico da raza frisona durante a feira Abanca Cimag-GandAgro, prescindindo así do celebrado durante a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

De acordo con ambas as asociacións, esta decisión vén motivada por dúas razóns fundamentais. Por unha banda, a intención de centrar esforzos na Cimag-GandAgro, certame de referencia para o sector agrogandeiro e que conta cun espazo máis adecuado para a súa celebración. Por outra banda, está a dificultade de moitos gandeiros para acudir á Semana Verde debido a que coincide con época de numerosos traballos agrícolas e, así mesmo, coa tempada de exames para os máis novos.

Ademais, tiveron en conta a solicitude dos criadores de frisón dun espazo máis amplo para os seus animais e as queixas de que catro días de certame eran demasiados tanto pola cantidade de tempo que deben estar os animais no recinto como polo número de labores que é necesario atender entre tanto.

Deste xeito, a próxima competición destas características celebrarase a principios de 2019 na próxima Cimag-GandAgro.