O que fora xerente de Africor Lugo durante máis de vinte anos, Ramiro Fouz, recibiu esta mañá unha cálida homenaxe por parte dos catro presidentes da Asociación cos que coincidiu no tempo durante o cal liderou a entidade e a converteu nun referente en todo o país.
José Aquilino Rodríguez, José Manuel Tellado, José Carlos Vega e Manuel Sandamil quixeron render homenaxe ao labor desempeñado por Fouz, sempre coa máxima rigorosidade e adaptándose ao devir dos tempos e a uns gandeiros cada vez máis profesionalizados, co obxectivo de que o Control Leiteiro lles seguira servindo, ademais de para as avaliacións xenéticas, como ferramenta de xestión da explotación.
Fernando Rodríguez, novo xerente
Ramiro Fouz abandonaba o cargo o pasado mes de outubro para iniciar unha nova etapa laboral como profesor universitario na Área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo. Sucédeo á fronte da entidade o enxeñeiro agrónomo Fernando Rodríguez, que leva vinculado a Africor Lugo desde o ano 2003.