Rexistradas un total de 16 candidaturas para competir polo XXI Premio Aresa

Entre todas as propostas presentadas ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2020, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, o vindeiro xoves 21 de xaneiro daranse a coñecer os finalistas.

Tras rematar o prazo para a presentación de propostas a finais do mes de decembro, a Organización do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural composta polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela presenta os dezaseis candidatos a conseguir o galardón deste ano, que celebra a súa vixésima primeira edición:

  1. Cátedra Da Cunha do pan e do cereal, de Ángeles Romero e Santiago Pereira (Campus Terra da USC)
  2. Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa
  3. Aeiroá, granxa dedicada á produción con Galiña de Mos
  4. O Mundo do Souto, proxecto para a recuperación dos soutos tradicionais e o impulso de novas plantacións de castiñeiro de froito
  5. H2GZ Terrazas Agrícolas Robotizadas en Mondoñedo, proxecto presentado por José Manuel Vale para a produción agrícola en montañas
  6. Muuhlloa, cosmética 100 % galega realizada con produtos ecolóxicos e que xorde da sinerxia doutras dúas iniciativas como son Granxa Maruxa e Milhulloa
  7. Arnigal Cultivos, proxecto sobre o  aproveitamento económico racional da Arnica montanaen Galicia a partir do seu cultivo e transformación
  8. As vacas da Ulloa SCG, cooperativa de gandería ecolóxica
  9. Trigo y Limpio, produción de fariña de trigo autóctono, moída á pedra e envasada de forma artesanal
  10. Gandería Quintián, gandería familiar de produción de leite con elaboración e comercialización de leite fresco e pasteurizado
  11. Cooperativa A Carqueixa, nada para o fortalecemento dos produtores de carne de Cervantes
  12. Sistema comunal de xestión da Comunidade Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra)
  13. Verín Biocoop SCG (Ourense), pioneiros na comercialización de carne de vacún de produción ecolóxica
  14. Corazón de Carballo, centro de ocio, tempo de lecer e servizos, que une educación ambiental e rural mediante multitude de actividades para todas as idades e necesidades
  15. Conservas do Támega, dedicada á elaboración de conservas vexetais ecolóxicas
  16. Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo, de Pablo Sánchez Quinteiro

Como cada ano, o galardón premia iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro, pero esta edición será máis especial ca nunca, pois está marcada pola situación sanitaria na que estamos e a nova realidade que marcou inesperadamente a chegada da covid-19. Por todo, o Premio Aresa nesta ocasión valorará as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, creasen un novo proxecto ou axudasen a outros nesta nova realidade.

O xurado examinará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o os finalistas este xoves 21 de xaneiro.

O Premio Aresa 2020 está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros.