Este sábado, 6 de xuño, o municipio do Páramo acolle unha nova poxa de gando frisón organizada polo Concello e a Asociación Provincial de Gandeiros para o Control de Rendementos (Africor) de Lugo. Na poxa, que dará comezo ás 12:00 horas no campo da feira da localidade, participan dez ganderías lucenses e sairán á venda quince lotes de vacas.
O catálogo conta con animais nacidos entre 2022 e 2024. Entre as reses atópanse femias paridas e inseminadas, das cales seis son xovencas próximas ao parto. Todas elas superaron previamente o control da Comisión Organizadora. O proceso implicou a comprobación de documentos como a identificación xenética a través do Laboratorio de Xenética Molecular de Fontao, o resultado negativo nas probas das principais patoloxías bovinas ou o certificado veterinario antiparasitario en regra. Na selección foron excluídas aquelas vacas fillas de touros de monta natural, así como as preñadas de machos doutras especies.
A finalidade principal da poxa é a dinamización do mercado de animais criados en ganderías da provincia, especialmente das que están integradas no Control Leiteiro. As empresas participantes serán Antonio da Laura (Cospeito), San Vicente (Chantada), Galan (A Pastoriza), Casa Capón (Chantada), Marey Castro (Pol), Casa do Rego (Láncara), Casa Queiroga (O Páramo), Granxa Vila (Lugo), Do Lancero (Chantada) e Tendeiro (O Páramo).
Unha axuda de 200 euros para as persoas compradoras
A compra estará aberta ao público en xeral, que poderá realizar ofertas a partir do prezo de saída fixado entre a organización e as persoas propietarias dos animais. No proceso final de venda, o grupo bancario Caixa Rural achegará 200 euros como axuda ás persoas adxudicatarias.
A imaxe utilizada na portada corresponde a un exemplar vendido na poxa organizada polas mesmas entidades no ano 2025.