Nestlé amosa en SAT Doroña os avances do seu programa de sostibilidade nas granxas galegas

Nestlé amosa en SAT Doroña os avances do seu programa de sostibilidade nas granxas galegas
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o director xeral de Nestlé España, Jordi Llach, visitaron a gandería SAT Doroña, situada en Arzúa (A Coruña) e provedora de leite de Nestlé, para coñecer as medidas que implantaron en materia de redución de emisións, benestar animal, agricultura rexenerativa e biodiversidade.  Máis en Vaca Pinta 62.

Nestlé celebrou o pasado 30 de setembro unha xornada en SAT Doroña, en Arzúa (A Coruña), para presentar algunhas das actuacións que está desenvolvendo xunto ás ganderías galegas que subministran leite á fábrica de La Lechera de Pontecesures (Pontevedra).

Desde 2021, a compañía investiu preto de catro millóns de euros en máis de 60 das 83 granxas coas que traballa en Galicia. A iso súmanse preto de 1,5 millóns de euros aboados desde 2023 en concepto de prima sobre o prezo do leite ás granxas que implementan estas prácticas.

Durante a xornada levouse a cabo un faladoiro moderado por Francisco Rivas, asesor agropecuario de Nestlé, no que estiveron presentes Raúl Varela, de SAT Doroña; María Ramos, gandeira de SAT Os Agros; Guillermo Ramírez, de Fundación Global Nature, e María Gómez, de SEO/BirdLife.

Raúl Varela destacou o papel das novas xeracións na continuidade do sector e explicou que, co asesoramento e a colaboración de Nestlé, incorporaron medidas relacionadas coa redución do impacto ambiental, a biodiversidade, a agricultura rexenerativa e o benestar animal.

A colaboración de Nestlé coa Fundación Global Nature comezou en 2021 cun proxecto piloto dirixido a reducir as emisións das ganderías. Actualmente, arredor de 55 granxas galegas instauraron accións dentro desta iniciativa e, segundo os datos facilitados pola compañía, lograron diminuír en máis de 41.000 toneladas as súas emisións de CO2 equivalente a finais de 2025 respecto aos valores de 2018.

Entre as actuacións desenvolvidas figuran a instalación de placas solares, o cubrimento de fosas de xurro e diferentes melloras destinadas ao confort dos animais, como ventiladores, teitos illantes, humidificadores ou cepillos mecánicos. En materia de biodiversidade, promovéronse a plantación de sebes e a creación de pradeiras con flores e de charcas, actuacións que se complementan co proxecto Ecosistemas Leiteiros, implementado xunto a SEO/BirdLife.

En agricultura rexenerativa impulsáronse, entre outras prácticas, plans de fertilización individualizados, laboreo reducido, sementeira directa, rotacións de cultivos e emprego de leguminosas. Todo o volume de leite recollido por Nestlé o pasado ano nas ganderías colaboradoras procedía xa de negocios que implantaran algunha destas medidas.

O encontro concluíu cunha visita ás instalacións de SAT Doroña, onde os asistentes puideron coñecer sobre o terreo a aplicación destas prácticas.