Nace Agroexprés, a revista do CIAM

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) acaba de publicar o primeiro número da revista Agroexprés. Dirixida aos profesionais do sector agrogandeiro, esta publicación pretende difundir, dun xeito breve, rigoroso e ameno, os resultados dos traballos realizados por persoal investigador e entidades colaboradoras, xa publicados desde hai anos en revistas científicas e técnicas do sector, como Vaca Pinta ou Cooperación Galega de Agaca.

Os contidos da revista consisten en resumos de traballos de investigación realizados no CIAM, xa publicados neste tipo de revistas, considerados de interese práctico para o sector. Logo de ser revisados, estes traballos resúmense e revísanse para unha lectura máis fácil, coidando que a presentación da información sexa rigorosa e exacta.

Este proxecto, que abarcará contidos sobre a gandería de leite e de carne, forraxes, cultivos, especies hortícolas e froiteiras, xorde para divulgar e poñer en valor todo o esforzo que se ven realizando no centro, que, con máis de 125 anos de experiencia en investigación e transferencia de tecnoloxía aos sectores, é un referente en Galicia. Segundo os propios responsables da revista –Bibiana Guerra, Carmen Calvo e Julio Enrique López–, “ao que aspiramos é a contarlles aos profesionais, que non teñen moito tempo, o que facemos a diario, comunicarlles o resultado do noso traballo, poñelos ao día, crear a necesidade de afondar en certos temas, e en definitiva, facer que o noso agro avance”.

Agroexprés sae á rúa cunha periodicidade semestral, financiada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e a Acción de Transferencia 2020/097 da Xunta de Galicia, cun 75 % de Fondos Feader. A versión dixital pódese descargar na páxina web do CIAM www.ciam.gal.